Ir o contido principal

Museo Casa da Troia

O Museo Casa da Troia esta situado en pleno casco histórico de Santiago de Compostela, próximo á igrexa de San Martiño Pinario e a Catedral. O interior do museo recrea o ambiente e decoración da pensión de estudantes e da vida universitaria de Santiago a finais do século XIX, tal e como se narra na novela de Alejandro Pérez Lugín “La Casa de la Troya”. Sábese que dende 1886 ata 1906 a Casa da Troia funcionaba como hospedaría de estudantes, e tras a súa rehabilitación nos anos noventa, no edificio distribuíronse as estancias e cuartos da pensión tal e como aparecen na novela. 

Tras a recepción na planta baixa, no primeiro andar recréase o antigo salón e zona de estudio, (ademais de ser noutras épocas o lugar de ensaio da tuna compostelá), e a sala de respecto, o lugar de recibir ás familias dos estudantes. No segundo andar están os dormitorios, e no ático atópase a cociña, na zona alta da casa para aproveitar a luz natural e a evacuación do fume. 

No soto e antigas cortes dos cabalos (das que se conservan as propias escaleiras de baixada), atopamos actualmente obxectos e recordos das Tunas da Universidade de Santiago de Compostela en distintos anos que dende 1993 constitúen o Museo da Tuna, da que se mostran instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías, etc. 

O museo dispón dunha biblioteca histórica, composta por exemplares das distintas edicións da novela de Pérez Lugín, así como por publicacións de autores relacionados coa obra como Valle-Inclán, Camilo Bargiela, Manuel Casás, Enrique Labarta… e outras de temática compostelá.

https://lacasadelatroya.gal

Rúa da Troia, 5
15704 , Santiago de Compostela

Tlf. 981 585 159
visitas@lacasadelatroya.gal

Horario

Maio: de xoves a sábado no horario habitual (de 11 a 14 e de 16 a 20 horas)
Xuño: xoves, venres e sábados
Xullo: días 1, 2, 7, 8 e 9. A partir do 12, aberto de martes a sábado
Agosto: de martes a sábado
Setembro: de martes a sábado ata o día 10. O resto do mes, de xoves a sábado


Tarifas

Entrada individual: 2,5 €
Estudantes, xubilados/as, pensionistas e peregrinos/as: 1,5 €
Grupos previamente concertados: 1 € por persoa