Ir o contido principal

Barco-Museo Boniteiro "Reina del Carmen"

O Concello de Burela decidiu no ano 2000 xestionar a compra dun antigo barco boniteiro con casco de madeira para convertelo nun espazo de recuperación da cultura marítima e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito. 

Do barco pódense visitar todos os seus compartimentos, tanto os de cuberta e da ponte como baixo a cuberta e o casco por dentro. Todos os seus equipos mecánicos, eléctricos, electrónicos e hidráulicos, incluíndo os motores principais e auxiliares, así como os de seguridade e salvamento, funcionan perfectamente. 

No barco consérvanse os medios e métodos de pesca tradicionais empregados para a pesca do bonito na especialidade de cacea ou curricán, a forma artesanal de pesca que mellor garante a calidade do produto. 

A visita ao barco comprende, na ponte e sobre a cuberta, a ponte de mando onde se pode comprobar o funcionamento dos principais equipos de navegación, comunicación e situación e os camarotes do patrón,  do motorista e do segundo de a bordo, o comedor, a cociña e o retrete.  

No casco e baixo a cuberta  visítanse a sala de maquinas, a zona de descanso do resto da tripulación, o pañol e a adega ou neveira. Neste ultimo espazo están expostas as artes de pesca artesanais como a xa mencionada de curricán ou cacea para a pesca de bonito, o palangre de superficie e de fondo para a pesca da pescada e peixe espada, as artes de enmalle para o rape, artes de arrastre para a pesca de cigala e rapantes, as artes de marisqueo para a pesca do percebe e nasas para a pesca de nécoras, polbos etc. 

Ao mesmo tempo, o barco-museo leva a cabo unha importante labor na defensa dos recursos naturais e ambientais que mereceu o recoñecemento da Unión Europea co outorgamento da Bandeira Azul tanto polas campañas de educación ambiental como pola protección dos recursos mariños. 

 

https://burela.org/es/barco-museo

Explanada portuaria. Porto pesqueiro s/n
27880 , Burela

Tlf. 982 888 506 (dende febreiro ata o 31 de outubro) / 982 586 000 (do 1 de novembro ao 31 de xaneiro)
Fax 982 585 945

oficinadeturismo@burela.org

Horario

De xuño a setembro
De martes a sábado: visitas ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00, 18:00 e 19:00 h
De outubro a maio
De martes a venres: visitas ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00 e 18:00 h
Os sábados as visitas son só de mañá, ás 11:00, 12:00 e 13:00 h


Tarifas

Adultos/as: 5 €
Entre 8 e 18 anos: 3 €
Menores de 8 anos: de balde
Grupos de máis de 20 adultos/as: 4 €
Colexios concertados: de balde
*Imprescindible reserva previa dende febreiro ata novembro. Para grupos é necesaria reserva previa sempre.