Museos de Galicia

Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña

O museo

O Castelo de San Antón, antiga fortificación construída para a defensa da cidade da Coruña, sitúase fronte o Paseo do Parrote, na coñecida como “Illa da Pena Grande”. Durante o seu período insular (ata os anos 40 do século XX), San Antón comunicouse coa cidade dende a Casa de Botes ou do Boteiro, actualmente habilitada como biblioteca do Museo. 

A colección. En 1960 o Ministerio do Exército cedeu o edificio ao Concello da Coruña, creándose o Museo Arqueolóxico e Histórico da cidade, que abre as súas portas ao público en 1968. De titularidade municipal, conserva e expón pezas da prehistoria e da historia relacionadas co castelo, coa cidade e con Galicia. A exposición consta de tres seccións: arte medieval e heráldica (acceso e patio de armas), arqueoloxía (interior, planta baixa), historia do edificio e da cidade (interior, planta baixa e alta). A visita vese complementada co percorrido simultáneo pola arquitectura do castelo.

A exposición que exhibe o Museo Arqueolóxico e Histórico ten pezas de incalculable valor que abranguen dende as orixes da civilización en Galicia ata a historia máis moderna da cidade e da provincia; un túnel do tempo por descubrir paseando polas antigas dependencias da fortaleza.

Á saída da planta baixa pode visitarse A Cisterna, antigo alxibe escavado na rocha que recollía a auga da chuvia para abastecer ao Castelo. Na rampla de acceso á planta alta encontramos a Borna, unha reprodución dun barco da Idade do Ferro. Tamén no patio-xardín superior atópase a reconstrución da cista megalítica de Taraio (Malpica), e os petroglifos trasladados dende o Monte Outón-Polvorín, nas proximidades da Torre de Hércules, ademais do faro, um pozo... 

Na terraza superior, cubrindo o exterior da cúpula da capela, atópase un mural cerámico realizado pola fábrica de Sargadelos e deseñado por Francisco Xosé Pérez Porto (1987), no que se recollen episodios da historia e da lenda coruñesa: a Batalla de Elviña, a heroína María Pita, o atlante Xerión e Hércules...

Na Casa do Gobernador exhíbense obxectos do pasado recente da cidade: o Salón Barroco, a Sala do XIX coa Batalla de Elviña e a Guerra da Independencia ou a Sala das Navegacións, dedicada aos viaxes marítimos. Por último, a sancristía e a capela do castelo, de estilo neoclásico, está presidida pola Virxe do Rosario.