Ir o contido principal

Do 19 de marzo ao 20 de marzo do 2022 - 10:00h Obradoiro fotográfico As fotógrafas Cristina de Middel e Bandia Ribeira protagonizan os talleres da mostra "Percorrer o tempo" en Vigo

No marco do proxecto expositivo da Xunta de Galicia/Xacobeo 21-22, “Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño”, as fotógrafas Cristina de Middel e Bandia Ribeira, protagonizarán os talleres desta exposición, que a Xunta de Galicia levará a Vigo a vindeira semana.

As sesións, dirixidas tanto a profesionais como a persoas afeccionadas á práctica artística ou fotográfica contemporánea, serán gratuítas e terán lugar no auditorio do Museo do Mar os días 19 e 20 de marzo. Nas xornadas, as artistas que imparten o obradoiro achegarán aos participantes a súa metodoloxía de traballo, a súa traxectoria e traballarán co material dos participantes que queiran compartilo.

A actividade conta con aforo máximo de 10 persoas, polo que é necesaria a inscrición previa. Para máis información e para a reserva previa, premer nesta ligazón do Museo do Mar.

As actividades deseñadas ao abeiro desta exposición complétanse cunha conferencia na que estas fotógrafas exporán os seus traballos. A cita terá lugar o venres 18 de marzo no propio museo e a entrada será libre ata completar aforo, previa confirmación de asistencia.

Estas iniciativas encádranse na mostra "Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño" que a Xunta de Galicia, co apoio da Fundación la Caixa, promove para achegar diversas perspectivas das rutas xacobeas a través da ollada de dez artistas do eido audiovisual.

 

Bandia Ribeira Cendán é unha fotógrafa documental e profesora de As Pontes (A Coruña) con base en Almería. Licenciada en Ciencias Políticas e graduada en Fotografía Documental na Universidade de Sur de Gales, Newport.

Ten participado en diversas exposicións e festivais de fotografía como Encontros da Imagem 2016 (Portugal), Diffusion Festival 2015 (Gales), Scan Photobooks 2014 (Tarragona) ou a Bienal de Arte Pintor Laxeiro 2017, en Lalín (Pontevedra). 

O seu traballo recibiu recoñecementos como o XII Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado (2015), Reginald Salisbury Travel Award, ou un dos premios Ciutat de Barcelona (2012), entre outros.

O seu libro autoeditado sobre a cidade de Newport, “Life is great, without it you'd be dead” (2014) foi finalista do Bar Tur Photo Book Award en 2015.

 

Cristina De Middel (Alacante, 1975), vive e traballa entre México e Brasil e é asociada da axencia Magnum desde 2017. O seu traballo investiga a ambigua relación que ten a fotografía coa verdade.

Despois de 10 anos como fotoxornalista e como fotógrafa humanitaria, De Middel deu un paso para afastarse da mirada tradicional e producir a aclamada serie “The Afronauts” en 2012. Desde entón, produciu máis de 13 proxectos e publicacións que responden á necesidade de redefinir a práctica documental co fin de explicar dunha maneira máis completa e diversa o mundo no que vivimos. Esta produción e formulación valeulle varios recoñecementos como o Infinity Award do ICP en NYC en 2012, ou o Premio Nacional de Fotografía en 2017.

O seu traballo mostrouse en máis de 50 exposicións internacionalmente, e forma parte de coleccións como a Tate Modern ou a National Gallery de Vitoria.