Ir o contido principal

Fundación Cultural Otero Pedrayo

O Pazo Museo de Otero Pedrayo está situado no lugar de Cimadevila, na parroquia de Trasalba do Concello de Amoeiro, Ourense. Neste lugar a Fundación Otero Pedrayo garda a memoria do que foi patriarca das Letras Galegas.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense 1888 -1976) foi un personaxe principal na vida cultural e política galega durante toda a súa vida adulta. Escritor, profesor, político e editor traballou coa idea de alentar a cultura e o país galego. Formou parte de grandes iniciativas institucionais para o desenvolvemento cultural galego como o Partido Galeguista, o Seminario de Estudios Galegos ou a Editorial Galaxia, institucións que aínda hoxe son referentes de traballo e coñecemento.

Na visita ao museo pódense contemplar obxectos persoais do escritor, mobiliario e a súa biblioteca, así como a estrutura tradicional dun pazo galego de principios do século XX. Os fondos están conformados a partires do legado que fixo en vida Don Ramón Otero Pedrayo a Galaxia das propiedades en Trasalba, incluíndo o pazo e as propiedades anexas. Os moitos accesos, debidamente sinalizados, e a situación do pazo-museo, permiten gozar dunhas fermosas paisaxes da Galicia interior.

http://fundacionoteropedrayo.org

Pazo de Trasalba-Cimadevila
32172, Amoeiro

Tlf. 988281139
fundacion.otero.pedrayo@gmail.com

Horario

Aberto de martes a sábado de 9:00 a 16:00 horas
Domingos, luns e festivos pechado


Tarifas

Entrada gratuíta