A Xunta propón un percorrido pola romanización de Galicia a través dos fondos pétreos do Museo Arqueolóxico de Ourense

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou o venres na inauguración da nova exposición en gran formato sobre a romanización de Galicia que pode visitarse no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las. A mostra nútrese de pezas correspondentes á última fase do traslado dos fondos arqueolóxicos e artísticos, fundamentalmente pétreos, que custodiaba a antiga sede do Museo Arqueolóxico de Ourense.
Como explicou, esta exposición chega nun momento especialmente estratéxico, coincidindo co centenario da Xeración Nós, permitindo “poñer en valor, ademais, un lugar tan emblemático como o xacemento de San Cibrao de Las, que visitaron preto de 5.000 persoas no transcurso deste ano, e que está especialmente unido ao traballo de Florentino López Cuevillas, figura senlleira de Nós”.
A exposición "Fondos pétreos" pódese visitar de martes a domingo en horario de mañá, de 10.00 a 15.00 horas. Consta de 62 pezas distribuídas na sala de exposicións temporais do Parque, e aborda seis grandes temas, con especial incidencia na romanización de Galicia. Inclúe, entre outros elementos, nove aras ou altares de pedra consagrados a unha deidade para abordar a cuestión da relixiosidade na antiga Civitas Auriensis.
Tamén se poden ver miliarios ou columnas de pedra que balizaban as estradas romanas correspondentes á actual provincia de Ourense, ao xeito dos marcos quilométricos actuais que ademais de informar das distancias funcionaban, sobre todo, como obxectos de propaganda imperial de carácter monumental.
Un terceiro tema céntrase, mediante 17 pezas, na difusión do cristianismo desde a antigüidade tardía ata a Idade Moderna tomando como referencia formas luxosas de sepultura reservadas a persoas de certo nivel social e nas que o epitafio ten como fin darlle notoriedade á persoa finada e manter a súa permanencia no tempo.
Arquitectura renacentista
Cun menor número de pezas abórdanse outros tres temas: a arquitectura renacentista na cidade de Ourense a través das casas-pazo ou casas con patio, verdadeira representación da grandeza e da posición social (trece pezas), algúns aspectos relativos á auga e a hixiene no Ourense moderno e contemporáneo (tres pezas) e, finalmente, as reformas que se levan a cabo no antigo Pazo do Bispo de Ourense, sobre todo a raíz do incendio que sofre no século XVII, pero onde non faltan os elementos romanos e da antigüidade tardía, que estaban presentes no seu soar (oito pezas).