Ir o contido principal

A Xunta promete á nova presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego seguir reforzando o seu apoio

Vista da mesa de reunión cos participantes

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, mantivo un encontro coa nova presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concepción Losada, tras incorporarse recentemente ao cargo, a quen prometeu dar continuidade á estreita colaboración dos últimos anos e seguir reforzando o apoio da Xunta ao Museo do Pobo Galego.

No encontro abordáronse as liñas de cooperación abertas co museo, ao que o Goberno autonómico vén de incrementar a achega económica para a segunda fase de ampliación do seu proxecto expositivo con novas salas. Tras a apertura en xaneiro da sección de Historia de Galicia na ala sur vinculada coa época antiga e sueva, tamén se contribúe á montaxe de dúas novas áreas que albergarán pezas da época medieval e moderna. A Xunta leva investidos 500.000 euros neste proxecto nos últimos anos. O titular de Cultura recordou a importancia da colaboración institucional e a implicación das distintas administracións para continuar forxando este “ambicioso e necesario proxecto”.

Román Rodríguez garantiu o apoio da Xunta para afondar no “labor didáctico e de promoción de Galicia” que caracteriza o Museo do Pobo Galego desde os seus inicios. Xunto a esta iniciativa, o Goberno autonómico mantén unha colaboración habitual para apoiar tanto os gastos do funcionamento como para contribuír á programación, actividades didácticas para todo tipo de públicos, ciclos de cine e concertos musicais, actuacións de conservación e restauración de fondos, servizo de biblioteca, edicións de publicacións e estudos de investigación, entre outras.