Ir o contido principal

A Xunta incrementa o apoio aos museos galegos para a actualización e conservación dos seus fondos e mellorar a súa difusión

Vista dunha exposición nun museo

A Xunta de Galicia vén de lanzar a nova convocatoria da liña de axudas aos centros museísticos, que incrementa o apoio que recibirá cada beneficiario, pasando dos 7.000 aos 10.000 euros. As axudas permiten actualizar os fondos e facilitar as tarefas de conservación, investigación e difusión. Na primeira edición, que se lanzou o ano pasado, xa se beneficiaron unha vintena de centros de toda Galicia.

Como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), a convocatoria está dotada de 200.000 euros, e poden optar entidades locais e privadas sen fin de lucro galegas, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación inscritos no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia que cumpran os requisitos establecidos na orde.

Sufráganse actividades dirixidas a inventariar, catalogar e documentar os fondos da colección permanente, así como para a adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos. Tamén se apoian as accións que sirvan para actualizar a exposición permanente e organizar mostras temporais, deseñar e ofrecer actividades didácticas e de difusión acordes coa súa temática e ámbito de actuación, promovendo o respecto dos dereitos humanos e a igualdade de xénero.

A orde de axudas tamén se centra en apoiar a creación ou renovación da páxina web do centro, así como traballos de investigación, edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas e apoiar o plan de difusión e comunicación dos centros museísticos.

Do total do investimento, 100.000 € estarán destinados a entidades locais e os outros 100.000 € a entidades sen fin de lucro. A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades será de 10.000 € por proxecto. Poderán presentarse ata o 26 de decembro.

Na primeira edición, convocada o ano pasado, beneficiáronse un total de 19 centros museísticos dos concellos de Baiona, Boiro, Carral, Fene, Laxe, Marín, A Pobra do Caramiñal, Valga e Vilar de Santos e a Deputación de Lugo. No apartado das entidades que xestionan centros museísticos os beneficiarios foron a Universidade de Santiago de Compostela, Anfaco, Mosteiro de San Paio de Antealtares, Fundación Eugenio Granell, Asociación de Amigos Muvicla, Fundación Museo de Artes, Diócese de Tui-Vigo, Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada e a Asociación Padroado do Museo Etnográfico da Capela.

Na Lei de Museos de Galicia

Estas axudas dan continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso dos centros museísticos tras a aprobación, en 2021, da Lei de Museos de Galicia, coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das arredor de 90 institucións museísticas rexistradas na comunidade, tanto públicas como privadas.

Ademais, a Xunta reforzou a contratación de persoal en formación duplicando as bolsas de formación en materia de museos, das que se benefician 20 persoas que veñen de ver renovada a súa contratación durante seis meses máis. Outra das medidas é a creación do Consello de Centros Museísticos, o órgano asesor que intensificará a participación do sector cultural na xestión e mellora dos museos.