Ir o contido principal

A Xunta apoia as XXII xornadas de homenaxe a Valle Inclán cunha exposición cos gravados orixinais de "Voces de gesta"

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación das XXII xornadas de homenaxe a Valle Inclán que se celebrarán desde o venres 16 na Pobra de Caramiñal co apoio da Xunta de Galicia na posta en marcha dunha exposición con gravados orixinais de Voces de gesta cedidos polo seu neto.

Durante o acto, o secretario xeral de Cultura puxo de manifesto o compromiso do Concello da Pobra de Caramiñal, compartido co Goberno autonómico, coa divulgación do traballo de Valle Inclán ao dar continuidade durante máis de 20 anos de xeito ininterrompido ás xornadas en homenaxe á súa figura que, dixo, son “claves” para promover o seu legado entre os galegos.

Neste sentido, salientou unha das iniciativas que este ano apoia a Xunta de Galicia no marco da programación. Trátase da exposición Voces de gesta. Tragedia pastoril, que poderá verse desde o venres no Museo Valle-Inclán. Inclúe as reimpresións e o mostrario das pranchas e tipos de gravados orixinais que aínda se conservan da primeira edición de Voces de gesta, que foron facilitados polo neto do autor, Xaquín del Valle-Inclán.

A programación deste ano desenvolverase do 16 ao 31 de outubro e incluirá, ademais da exposición, monólogos, sesións de divulgación científica, teatro, música tradicional e ata unha ofrenda cívica o venres 30, cun acto conmemorativo de Valle Inclán no Cantón da Leña.