Ir o contido principal

A Xunta apoia unha vintena de concellos e entidades para a conservación e o impulso dos seus museos

A Xunta de Galicia apoia este ano un total de 21 concellos e entidades sen fins de lucro para a conservación e a mellora dos seus centros museísticos públicos e privados, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia. A medida enmárcase no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada de 34M€ coa que o Goberno autonómico achega de ferramentas aos axentes culturais para, entre outros obxectivos, mellorar e impulsar o legado e as infraestruturas culturais.

Así pois, na relación de beneficiarios destas axudas, que por segundo ano convoca a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, figuran un total de 10 centros museísticos xestionados por concellos. Trátase da Domus, da Coruña; Museo Valle Inclán, da Pobra do Caramiñal; a Colección museográfica da Casa da Navegación, de Baiona; o Museo das Mariñas, de Betanzos; a Colección museográfica do Centro Arqueolóxico do Barbanza, no concello de Boiro; a Colección museográfica do Mar, de Laxe; o Museo Municipal Manuel Torres, de Marín; o Museo do Humor, de Fene; a Colección museográfica da Historia, de Valga, e o Museo Etnográfico da Limia, en Vilar de Santos.

No apartado das entidades que xestionan centros museísticos os beneficiarios son 11: o Museo de Historia Natural, da Universidade de Santiago de Compostela; a Colección museográfica Anfaco da Industria Conserveira, de Anfaco; o Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, do Mosteiro de San Paio de Antealtares; o Museo Granell, da Fundación Eugenio Granell; o Museo de Arte Sacra de Sar, do Arcebispado de Compostela; o Museo do Gravado á Estampa Dixital, da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital; a Colección museográfica Muvicla da Asociación Amigos Muvicla; o Museo Comarcal da Fonsagrada, do Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada; o Museo Etnográfico da Capela, da Asociación Padroado do Museo Etnográfico da Capela; o Museo Colexiata de Sar, da Fundación Catedral Compostela, e o Museo de Arte Sacra das Clarisas de Monforte de Lemos.

As axudas -que acadan ata un máximo de 10.000€ por beneficiario- permiten actualizar os fondos e facilitar as tarefas de conservación, investigación e difusión destes centros museísticos. A Xunta sufraga actividades dirixidas a inventariar, catalogar e documentar os fondos da colección permanente, así como para a adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos. Tamén se apoian as accións que sirvan para actualizar a exposición permanente e organizar mostras temporais e deseñar e ofrecer actividades didácticas e de difusión acordes coa súa temática e ámbito de actuación, promovendo o respecto dos dereitos humanos e a igualdade de xénero.

Outras accións ás que se acollen os beneficiarios son a creación ou renovación da páxina web do centro, así como traballos de investigación, edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas, e apoiar o plan de difusión e comunicación dos centros museísticos.

Reforzo da actividade museística

Estas axudas dan continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso dos centros museísticos tras a aprobación, en 2021, da Lei de museos de Galicia, coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das arredor de 90 institucións rexistradas na nosa comunidade, tanto públicas como privadas.

Ademais, o novo Plan Xeración Cultura pon o foco nas infraestruturas e o legado cultural, que protagonizan un dos seus cinco eixes de traballo. En concreto, aposta pola modernización das infraestruturas culturais a través de distintas liñas de apoio para os distintos equipamentos culturais. Entre as medidas previstas, crearase un Observatorio de Innovación do Patrimonio Cultural, así como unha novidosa liña de axudas destinada a particulares para a conservación de patrimonio etnolóxico.

No eido dos equipamentos inclúese un programa de mellora das infraestruturas e espazos culturais, entre eles, a ampliación do Museo Massó, a mellora e acondicionamento da Illa de San Simón, a rehabilitación da casa de María Antonia Dans ou a posta en marcha do Museo da Fábrica de Papel no Carballiño.

 

Ligazóns