Ir o contido principal

A Xunta apoia a programación do Museo de Artes de Ribeira co gallo do 50 aniversario do pasamento de Picasso

Participantes no acto

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da programación do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital co gallo do 50 aniversario do pasamento de Picasso. Serán tres mostras que contan co apoio da Xunta de Galicia e que se desenvolverán neste espazo ata o mes de outubro.

O obxectivo é, en palabras do representante da Xunta, “poñer en valor a obra do pintor que custodia este museo e renderlle homenaxe nesta efeméride tanto a través dos seus propios linogravados como da obra de artistas como Manuel Ayaso ou Alfonso Costa”.

O director xeral de Cultura agradeceu tamén á institución ribeirense a súa contribución a "Picasso. Branco no recordo azul", a grande exposición coa que a Xunta reivindica a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración. Non en balde, o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital é prestador de obra ao Museo de Belas Artes da Coruña para esta mostra.

A primeira das tres mostras, "Gravados ao linóleo de Pablo Picasso", desenvolverase entre febreiro e abril e estará conformada por 44 linogravados que recollen parte do traballo nesta técnica realizado polo pintor entre os anos 50 e 60, unha técnica especialmente atractiva para o artista, que achou nela unha relación colorística axeitada á economía da liña das súas composicións maduras.

Xa en maio e xuño exporase a mostra da obra dos pintores barbanceses Manuel Ayaso e Alfonso Costa Beiro en homenaxe a Pablo Picasso. A programación pecharase en outubro coa exposición das obras resultantes de tres obradoiros de linogravado celebrados polo museo ribeirense ata o mes de xullo. Os profesores encargados de impartilos serán os prestixiosos mestres José Fuentes Esteve e Antonio Navarro.

Ligazóns