O Museo do Gravado á Estampa Dixital, encóntrase na localidade de Artes, concello de Ribeira (A Coruña). Artes forma parte do complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, lugares que conforman unha das brañas máis singulares de España.
A colección está composta principalmente por unha importante representación das artes gráficas: gravados orixinais de época, gravados sobre pranchas orixinais realizados en épocas posteriores e reproducións facsimilares. As obras abarcan desde o século XV á actualidade, e entre os artistas gravadores representados, destacan Goya, Rubens, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Saura, Ricardo Baroja, Eberhard Schlotter, Dalí, Alberti, Picasso... Así como gravadores galegos: Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Novoa,…
O Museo centra o seu obxectivo na colección, catalogación (catalogadas 29.000 estampas), estudo e difusión da arte gráfica dende as súas orixes ata os nosos días. Por iso acolle cantas técnicas artísticas operaron desde o século XV ata o momento actual, xustificando a súa denominación: do Gravado á estampa dixital.
No 2009 realizouse o primeiro certame do Premio Atlante, recibindo máis de 300 gravados de 18 países diferentes. Tras o éxito desta, convócase agora de xeito anual, con premios de importante contía.
Horario
Horario de inverno (do 15 de outubro ao 30 de abril): martes a sábado de 10 a 15 h. e de 16 a 18 h.
Horario de verán (do 1 de maio ao 14 de outubro): martes a sábado de 10 a 14 h. e de 16:30 a 19:30 h.
Festivos aberto de 16:30 a 19:30 h.
Domingo e luns pechado.
Tarifas
Enxtrada xeral: 2,40 €
Entrada gratuíta para maiores de 65 anos, menos de 12 e con carné de estudante