Ir o contido principal

Román Rodríguez anima a cidadanía a gozar da exposición dedicada a Picasso

Un momento da visita á exposición

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, animou o pasado 18 de maio a cidadanía a gozar da nosa cultura co gallo do Día Internacional dos Museos e, de xeito particular, a achegarse á exposición "Picasso. Branco no recordo azul", que pode visitarse ata finais de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña. Fixo este chamamento precisamente durante un percorrido a esta mostra, na que acompañou os estudantes do colexio Alfonso Rodríguez Castelao de Ordes, un dos máis de 260 grupos que pasaron por ela desde a súa inauguración o 23 de marzo.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebrou o éxito que está a colleitar a exposición arredor de Pablo Picasso, o que demostra o interese que esperta nos galegos a obra do artista. “Agardamos que as visitas sigan funcionando así de ben e que a xente continúe achegándose a este museo para afondar na importancia que tivo Galicia para a traxectoria dun dos máis grandes artistas do século XX”, explicou o conselleiro. Todas as persoas interesadas poden achegarse ata ela ata o 25 de xuño, cando pechará as súas portas.

A visita guiada enmarcouse na programación impulsada pola Xunta de Galicia para conmemorar o Día Internacional dos Museos. Trátase de máis de medio cento de actividades que se puxeron en marcha o 18 de maio e que, na súa meirande parte, chegaron ata o sábado co gallo da Noite dos Museos. Entre a ampla diversidade de iniciativas que se desenvolveron figuran visitas guiadas, obradoiros, xornadas de portas abertas, actividades didácticas e música, entre outras propostas dirixidas a todos os públicos.

No caso do Museo de Belas Artes, houbo horario de apertura especial o sábado ata as 23.30 horas. Xa desde as 19.00 horas organizouse no exterior o xogo colectivo "Picasso infinito", unha performance lúdica de acceso libre para todos os públicos na que se empregaron material reutilizado e residuos recuperados para crear un hábitat picassiano.