Picasso. Branco no recordo azul Celebración do ano de Picasso. Cincuenta aniversario da súa morte. 1973-2023

Con motivo do cincuenta aniversario da morte de Pablo Picasso o 8 de abril de 2023, e no marco da Celebración Picasso 1973-2023, organizada conxuntamente polo Estado español e o Estado francés nos principais museos das cidades picassianas, a Xunta de Galicia promove esta exposición monográfica no Museo de Belas Artes da Coruña: "Picasso. Branco no recordo azul. Debuxando o futuro".
A Celebración Picasso 1973-2023 xira ao redor dunhas cincuenta exposicións e eventos que se celebran en institucións culturais de renome de Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A conmemoración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permite facer balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante o importante simposio internacional que se celebrará no outono de 2023, coincidindo coa apertura do Centre d'études Picasso en París.
Comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña, a exposición desenvolverase entre o 23 de marzo e o 25 de xuño de 2023.
A exposición
Picasso iniciou a súa formación académica e asumiu a súa condición de artista na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895. El mesmo consideraba que a súa infancia e primeira adolescencia foran cruciais para chegar a ser o que foi. Estes anos foron exhaustivamente estudados na exposición "O primeiro Picasso. A Coruña 2015", na que se daba a coñecer, desde unha mirada diacrónica, toda a súa produción coruñesa.
"Picasso. Branco no recordo azul" analiza o carácter iniciático dos seus fundamentos estéticos no período coruñés e como estes trascenderon ao futuro. Afondarase nos temas e as súas variables iconográficas, os conceptos ou a dimensión das súas ideas e as súas precoces experiencias coa linguaxe visual.
Nesta exposición, póñense de manifesto as débedas que o prolífico creador ten con aquel período que xamais esquecería, talvez a única etapa formativa na que se sentiu feliz, fortalecido por un sentimento de liberdade e confianza en si mesmo. Ronald Penrose afirma que na Coruña xa "triunfara en relación ao seu pai e aos catorce anos estaba seguro das súas facultades e do seu criterio". Nos anos que viviu aquí foi descubrindo a cidade experimentando a través do debuxo: captou as rúas, os monumentos, as praias, os montes e as personaxes que supuxeron a orixe do futuro artista que acabaría por definir o século estético máis convulso, o Século de Picasso.
O título da exposición está extraído dun dos seus poemas, cuxos versos aluden ás cores azul e branca, que evocan unha marcada identidade coruñesa desde mediados do século XIX e que o propio Picasso chegou a identificar coa cidade na que viviu e se formou como artista. Estas cores danlle nome tamén ao seu primeiro xornal Azul y Blanco (1893).
A exposición estrutúrase en dez capítulos que obedecen a referencias de orde temática, conceptual ou de linguaxe. A súa xénese é rastrexable neste período coruñés de formación, entre 1891 e 1895, e que haberán de permanecer, como peculiar xerme identitario, no sinuoso proxecto que explicaría todo Picasso.
Datas
Do 23 de marzo ao 25 de xuño
Horario da exposición
Apertura ordinaria
- Martes a venres: 10:00 a 20:00 h
- Sábados: 10:00 a 14:00 e 16:30 a 20:00 h
- Domingos: 10:00 a 14:00 h
Apertura extraordinaria
- Xoves e Venres Santos (6 e 7 de abril): 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 20:00 h
- Día das Letras Galegas (17 de maio): 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 20:00 h
- A Noite dos Museos (20 de maio): 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 23:30 h
- Día de San Xoán (24 de xuño): 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 20:00 h
- Último domingo de cada mes: 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 20:00 h
Visitas guiadas
Información: https://museobelasartescoruna.xunta.gal/gl/actividades
Todas as visitas son gratuítas previa inscrición a partir do 10 de abril no correo electrónico: actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal