14 de xaneiro do 2020 Programación do Museo Liste de Vigo para o primeiro trimestre do ano 2020

O Museo Liste de Vigo vén de facer pública a súa programación de visitas, exposicións e actividades educativas que terán lugar de xaneiro a marzo deste ano.

Este museo etnográfico, que recolle o legado de Olimpio Liste Regueiro no eido da etnografía, ofrece unha visión globalizadora do patrimonio etnográfico galego. Conta con salas de exposición permanente, distribuídas en tres plantas, nas que descubrir anacos da nosa historia: arte tecido, o escultor da madeira, a cultura do centeo, a simboloxía dos oficios artesáns, a materialidade da fe ou a arte de curar.

A rotulación dos contidos permite a realización de percorridos autónomos, pero ofrécense visitas guiadas para grupos, previa solicitude. Para o público en xeral, os percorridos guiados realizaranse os sábados ás 11:30 h.

Pódese obter información máis detallada na páxina web do Museo ou no folleto de actividades.

Estas son, polo miúdo, as propostas para este trimestre:

 

EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

A mesa farta. Etnoloxía e cultura alimentaria en Galicia

Escolma de pezas procedentes do Museo Liste de Oseira e de diversas coleccións particulares. Os obxectos distribúense en oito recantos que dan conta do seu significado e uso, reflectindo a evolución da cultura alimentaria en Galicia e a dos obxectos vencellados a ela nos séculos XIX e XX.

1º recanto: as bebidas.
2º recanto: a preparación dos alimentos.
3º recanto: complementos esporádicos: caza e pesca.
4º recanto: a horta.
5º recanto: o servizo de mesa.
6º recanto: a infancia.
7º recanto: produtos da tenda (os que non se autoproducen).
8º recanto: alimentos sólidos (básicos).

Comisariado da exposición e textos: Xavier Castro.

Do paínzo ao millo: os mil grans

Mostra temporal composta por preto de 50 pezas coas que coñecer parte da historia alimentaria de Galicia a través dun cereal: o millo.

Catro bloques enriquecen esta viaxe a través do gran: a historia da planta coas diversas variedades que dela existen (branco, pego ou corvo…), o pan, os múltiples usos e recursos do millo e os exemplos de arquitectura adxectiva con el relacionada.

Lugar: sala didáctica “O devir das estacións”.

Datas: a partir do 15 de febreiro.

Proxecto Sororidade

Sororidade define a irmandade entre mulleres. O concepto abrangue moitas formas, todas encamiñadas ao apoio mutuo entre elas. Dende esta premisa, o Museo quere contribuír a crear espazos de concienciación nos que afondar na necesidade dunha educación en igualdade. É un proxecto para traballar cos centros de ensino e asociacións na realización de accións conxuntas que conduzan á reflexión.

Dende febreiro de 2019, o Museo acolle distintas creacións e producións artísticas que reflicten ou evidencian a inxustiza que xera a desigualdade dunha socialización no patriarcado. O Museo quere así ser un espazo de convivencia á vez que de compromiso social a través de obras que inviten á reflexión.

Participan Berta Pan, Chiño Eirín, Alexandra R. Rey, Gabriela Lusquiños, Erica Iglesias Neira, Belategui Regueiro e Giselle Andreína Ferreira Suárez do Instituto Santa Irene e Teranga – Fundación Juan Soñador.

Lugar: diversas salas do museo.

Se estades interesados/as en participar, podedes poñervos en contacto co Museo.

 

PERCORRIDOS TEMÁTICOS, ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS E OBRADOIROS

Para grupos, previa solicitude.

A cultura alimentaria

Visitas especiais guiadas que afondan no tema proposto na exposición temporal “A mesa farta. Etnoloxía e cultura alimentaria de Galicia”.

A través dun percorrido temático pola exposición permanente do Museo que rematará na antedita exposición temporal comisariada por Xavier Castro, analizaremos os obxectos relacionados co xantar.

Duración: 60 min (duración aproximada).

Lugar: salas de exposición permanente e temporal.

Dirixido a: todos os públicos.

Os sons do traballo

A martelada do ferreiro, as ovellas do pastor, a máquina de coser da costureira… son o punto de partida dunha xincana de recoñecemento dos oficios tradicionais co fin de introducir as persoas participantes na exposición permanente a través de aspectos que lle poden resultar familiares, para establecer relacións que xeren coñecemento.

Dirixido a: grupos de educación infantil e primeiro ciclo de primaria.

Maxia e menciña nas árbores

As árbores, ademais de provernos de materiais para a fabricación, atesouran numerosas calidades vencelladas coa curación e a maxia.

Dirixido a: todos os públicos.

A madeira

A importancia e versatilidade da madeira obrigan a coñecer os seus aspectos máis relevantes como tipos e usos.

Dirixido a: grupos de educación infantil e primaria.

Encaixando anacos

Forma lúdica de achegarse ao Museo cos quebracabezas cuxas pezas atoparemos ao longo da visita.

Dirixido a: grupos de educación infantil.

Onde están as chaves?

Conxugamos coñecemento e diversión para descubrir os aspectos e pezas máis destacables do Museo. Xogamos coas capacidades dedutivas, memoria e habilidades a través de probas encadeadas co fin de acadar o obxectivo de conseguir as chaves da sabedoría.

Duración: 90 minutos.

Dirixido a: grupos de 6 a 12 anos, previa solicitude.

Un cadáver no armario

A modo de escape room e partindo dun relato, resolveremos o misterio do asasinato de Bieito Pichel. Diversas probas levarannos ao “cadáver” que, segundo as últimas noticias, se atopa no Museo.

Duración: 90 minutos.

Dirixido a: grupos a partir de 13 anos, previa solicitude.

Obradoiro de instrumentos humildes

Obradoiro que aborda a clasificación e breve historia dos instrumentos; a variedade nos modos de tocar, nos ritmos; distintos momentos de uso; mostras do cancioneiro popular; achegamento aos instrumentos doutras culturas. A parte práctica inclúe a realización dun sinxelo instrumento tradicional.

Todos os públicos (máximo 50); 40 euros/grupo.

Obradoiro: coa comida non se xoga?

Pode unha pataca transformarse nun cabalo? E o millo nunha boneca? Son as noces capaces de botar unha carreira? A través dun conto, marionetas, música e sons, Amelia terá que atopar o seu brinquedo favorito mergullándonos no mundo dos xoguetes tradicionais elaborados con alimentos para rematar coa confección dun deles.

Dirixido a: grupos de educación infantil (de 3 a 5 anos); 1 euro/participante.

Datas: a partir do 15 de febreiro.

Obradoiro "Do paínzo ao millo: os mil grans"

Coñeceremos a historia do millo, a súa evolución e a pegada que deixou en Galiza. Conta cun bloque teórico no que se visitará unha mostra con diversas clases de millo, pezas realizadas coa súa folla, cana… Posteriormente, os/as participantes serán os/as protagonistas dunha tarefa agrícola e socializadora moi especial nas comunidades tradicionais: a debulla do millo. Ademais, co carozo resultante elaborarán un curioso xoguete.

Dirixido a: grupos de educación primaria (de 6 a 12 anos); 1 euro/participante.

Datas: a partir do 15 de febreiro.

Documentos