Ir o contido principal

Os museos celebran o Día Internacional dos Arquivos

Dentro das áreas que forman parte da Dirección Xeral de Políticas Culturais, a rede de bibliotecas e os sistemas de museos e de arquivos de Galicia artellan un ecosistema fundamental para garantir o acceso da cidadanía á cultura.

Cada unha destas áreas celebran de forma significativa un día “propio”, de maior relevancia e alcance por tratarse dun día que se celebra a nivel internacional. O 18 de maio vimos de celebrar o Día Internacional dos Museos e, agora, os museos xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo súmanse á celebración do Día Internacional dos Arquivos, xa que a preservación dixital dos seus arquivos documentais son peza clave para a documentación das súas coleccións e teñen un valor único. Forman parte do patrimonio cultural dos museos os fondos museográficos (as coleccións) e os numerosos fondos documentais que atesouran en todo tipo de soporte. Ambos forman parte do seu patrimonio cultural e son fontes de información e memoria viva dos museos.

En cada web e rede social dos nosos museos atoparemos esta celebración mediante diferentes propostas que poñen en valor o arquivo do museo:

  • A importancia dos arquivos familiares estará presentes nesta celebración da man do Museo Etnolóxico de Ribadavia, xa que estes documentos son de grande utilidade para ampliar os coñecementos da etno-historia.
  • O Museo do Castro de Viladonga subirá información e imaxes sobre a dixitalización dos seus fondos documentais entre os que se atopan as memorias de escavacións do propio castro e os documentos dos seus arquivos gráfico e fotográfico.
  • Baixo o título “A documentación no Museo do Viño de Galicia”, o Museo do Viño amosará nas redes sociais algúns exemplos dos documentos que atesoura: contratos de foro, etiquetas do viño, carteis das feiras do viño do Ribeiro, publicidade...
  • Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense súmase á iniciativa coa proposta "Debuxo arqueolóxico. Da tinta e do papel ao mundo dixital". Deste xeito darán a coñecer algúns exemplos dos traballos desenvolvidos no eido dixital no Museo: o escaneado dos cadernos de campo e debuxos arqueolóxicos de diferentes xacementos e pezas. Unha tarefa que serve para traballar dixitalmente (e, por tanto, dun xeito máis áxil e eficiente) con esta interesante información dos fondos documentais ao tempo que garantimos a súa preservación.
  • O Museo das Peregrinacións compartirá o día 9 de xuño nas súas redes algúns libros da súa colección dixitalizados en Galiciana, con especial atención á "Lenda Áurea". Ao longo da semana compartirá nas redes sociais publicacións que expliquen de xeito didáctico como funciona o arquivo do Museo e a súa función e publicaranse fondos documentais relacionados co lema proposto para cada día.
  • A documentación e preservación dixital dos procesos de restauración das coleccións do Museo Massó de Bueu publicarase no blog con motivo desta celebración. Neste caso amosarase o proceso de restauración do documento "Gráfico de compras de peixe nas lonxas polas conserveiras de Bueu, Cangas e Vigo", do ano 1934.
  • O Museo de Belas Artes da Coruña subirá información e imaxes sobre a dixitalización dos fondos documentais da Real Fábrica de Louza de Sargadelos, logo da recente remodelación da Sala que ten no Museo e que forma parte da súa colección permanente. Entre os documentos que se poden atopar destacan os catálogos de louza e varios manuscritos procedentes da Fábrica de Municións de Sargadelos.