15 de xullo do 2020 Oito profesionais participarán este ano nas bolsas da Xunta para actividades formativas en museos

O Diario Oficial de Galicia do 13 de xullo publicou a listaxe dos/as beneficiarios/as das bolsas para actividades formativas nos museos de titularidade ou xestión autonómica. Trátase dunha iniciativa impulsada desde o Goberno galego que conta cunha dotación de máis de 45.000 euros, na que participan oito profesionais que, durante un mínimo de seis meses, desenvolverán actividades relacionadas cos procesos técnicos que se realizan nestas dotacións culturais de xestión autonómica.

Concretamente, as prazas adxudicadas están repartidas segundo o campo de actuación: arqueoloxía, historia da arte, restauración arqueolóxica e restauración de pinturas e esculturas. Así, as persoas participantes realizarán, no ámbito dos museos de xestión ou titularidade autonómica, actividades no Museo Etnolóxico de Ribadavia, no Museo do Viño, no Arqueolóxico de Ourense, no Castro de Viladonga, no Museo Massó de Bueu e no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

A convocatoria deste ano complétase con 33 prazas para bolsas formativas en biblioteconomía nas que os/as participantes poderán afondar nos coñecementos sobre o tratamento técnico dos fondos, así como no resto de actividades que se inclúen nos diversos servizos bibliotecarios dos centros xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo. Ademais, a Xunta de Galicia tamén oferta 20 prazas destinadas a formación en materia de arquivos, onde os/as participantes realizarán as súas estadías no ámbito do Sistema de Arquivos de Galicia que inclúe dotacións tanto autonómicas como locais.

Todas estas bolsas, nas que a Xunta inviste en total preto de 400.000 euros, teñen unha duración mínima de seis meses que serán prorrogables por outros seis meses en 2021, agás no caso das bibliotecas, que se poderán alongar por outros sete meses.

Ligazóns