Ir o contido principal

O Museo Massó comeza as actividades conmemorativas do Día Internacional dos Museos

O Museo Massó de Bueu iniciou as actividades conmemorativas do Día Internacional dos Museos, que se celebra o 18 de maio. Haberá visitas guiadas todos os domingos do mes e na fin de semana do 21 e 22 desenvolveranse un obradoiro didáctico e un percorrido pola antiga fábrica de salga de Mourisca. Trátase de propostas de balde e para todos os públicos.

O pasado domingo 8 as persoas que se achegaron ao museo entre as 12.30 e as 13.30 horas dispuxeron de guía no percorrido pola exposición permanente, para embarcarse na aventura da conquista do mar durante o período das grandes expedicións marítimas.

Puideron afondar tamén no coñecemento sobre a explotación dos recursos do mar, cun achegamento á historia das industrias pesqueiras, da salgadura, das conservas e da industria baleeira. A participación na actividade, que se repetirá todos os domingos do mes, non precisa inscrición previa.

Importancia histórica do sal

Ademais, o sábado 21 ás 12.00 horas desenvolverase o obradoiro didáctico "O sal do mar", centrado no papel fundamental do sal na conservación dos alimentos e na importancia da súa comercialización, así como nas repercusións económicas e políticas ao longo da historia. Incidirase especialmente no seu uso en Galicia para a conservación do peixe e na proliferación da industria salgadeira no século XIX.

Como complemento, o domingo 22 realizarase unha visita guiada á antiga fábrica de salga de Mourisca, creada no século XIX e que pertenceu á familia Massó. Os seus actuais propietarios restaurárona recentemente para a súa posta en valor como testemuño histórico.

Estas dúas últimas actividades si requiren de inscrición previa.