Ir o contido principal

O Museo das Peregrinacións presentou o catálogo da exposición "Destino"

Acto de presentación do catálogo

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o 20 de abril no Museo das Peregrinacións e de Santiago o catálogo da exposición fotográfica "Destino, unha peregrinación", de Manuel Valcárcel, nun acto no que tamén participou o propio artista, coñecido como Piro. Editada pola Xunta, a publicación fai perdurable no tempo a mostra inaugurada a finais do pasado ano e que remata o vindeiro 1 de maio.

Segundo sinalou Anxo M. Lorenzo, deste xeito "plásmase no papel a mirada espiritual do fotógrafo monfortino a través de máis dun cento de imaxes sobre a súa experiencia en distintas viaxes realizadas desde o Tíbet a Galicia". O catálogo mantén a estrutura da mostra e divídese en cinco itinerarios de peregrinacións realizadas entre 2018 e 2021 por catro continentes, "motivadas cada unha delas por unha idea ligada ao destino da vida de Piro e de coñecidos seus", engadiu.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou que "Destino" nace dunha inquedanza do autor que o levou a peregrinar e recoller nas instantáneas as súas experiencias. Acompañado por diferentes persoas, con diferentes motivacións e obxectivos, "achéganos a través da linguaxe común da fotografía as súas peregrinacións persoais como metáforas sobre a complexa natureza humana".

Cada viaxe, un motivo

As máis de 200 páxinas do catálogo recollen as viaxes ao Tíbet, co perdón como motivo; ao Senegal, motivada polo amor, e a México, centrada na natureza. A elas súmase o Camiño de Santiago, con dúas series de imaxes, unha delas sobre La casa de los dioses, en León, e outra sobre a peregrinación desde o Val do Mao ata Fisterra, coa saúde e a esperanza como motivacións. Está xa dispoñible na Libraría Institucional da Xunta.