Ir o contido principal

O Museo das Peregrinacións percorre os vínculos xacobeos da chacona a través de máis dun cento de instrumentos antigos e arquivos sonoros

Inauguración da exposición no museo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o deán da catedral de Santiago, José Fernández Lago, inauguraron no Museo das Peregrinacións e de Santiago a exposición "Chacona, a canción de Santiago", que afonda nos vínculos xacobeos desta danza e forma de expresión musical ancestral, a través de máis dun cento de pezas orixinais, instrumentos antigos, partituras e arquivos sonoros. Unha das grandes achegas da mostra é o estudo da relación da chacona coa cidade de Compostela e o Camiño de Santiago, a partir do canto que o peregrino inglés Willian Wey transcribiu no seu diario de peregrinacións, que está considerada como a primeira chacona da historia. Comisariada por Fernando Reyes, cofundador do grupo Resonet, pode visitarse ata o 30 de outubro.

Como sinala o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, “é unha proposta expositiva orixinal, froito dun minucioso traballo de investigación e documentación que permitirá divulgar ao gran público aspectos pouco coñecidos ata o momento”. Neste sentido, inclúe tanto chaconas no seu formato orixinal como arquivos sonoros, ademais de elementos explicativos. “Unha parte importante da exposición será a súa capacidade para amosar a influencia que esta forma de expresión sonora tivo nos espazos públicos e privados da súa época chegando a formar parte do patrimonio musical europeo do máis alto nivel, segundo indican os expertos”, engadiu Anxo M. Lorenzo.

Expóñense un total de 120 pezas entre as que figuran obras artísticas orixinais, gravados, fondos documentais, musicais, reproducións, instrumentos musicais, libros de música ou partituras. Como elemento destacado, amósanse tamén interpretacións musicais que están integradas na exposición como principal contido.

A mostra conta con varias pezas de singular importancia como Los Reyes Católicos, sus hijos y sus séquitos venerando la imagen del Apóstol Santiago, da Colección Abelló, que por primeira vez se expón ao público nunha exposición temporal na que o apóstolo aparece dunha maneira que semella unirse á danza ou iniciar uns pasos. Tamén o retablo de Goodyear, préstamo da catedral de Santiago, regalado ao arcebispo en 1456, o mesmo ano que o peregrino Willian Wey chegou a Compostela, así como unha réplica do seu diario que recolle a primeira chacona escrita da que se ten noticia. Ademais, inclúense fondos do propio Museo das Peregrinacións que por vez primeira saen do almacén e se poñen á disposición do público, como unha xerra dun Santiago peregrino do século XIX.

Ademais, varias cancións compostas por Resonet guían ao visitante pola mostra. Con elas, diversos instrumentos musicais da colección particular do comisario, Fernando Reyes, e do Arquivo da Catedral. Pode visitarse en horario de martes a venres de 9.30 a 20.30 horas, sábado de 11.00 a 19.30 horas e domingo de 10.15 a 14.45 horas ata o 30 de outubro.

Ampla colaboración

O director xeral de Cultura agradeceu a súa colaboración tanto ao comisario como ás distintas entidades e institucións “por conseguir conformar unha exposición singular e diferente con algunhas pezas nunca antes expostas”. De feito, cóntase coa colaboración, entre outros, da Colección Abelló, o Museo de Historia de Madrid, o Museo e Arquivos da Catedral de Santiago, o Museo do Pobo Galego, o Museo da Casa da Troia ou a Colección Fernando Reyes. Tamén hai reproduccións de obras de institucións como o Staatliche Kunstsammlungen de Dresde, o Archivo de la Villa de Madrid, a Bibliothèque Nationale de Francia, a Biblioteca Nacional de España, o Staatsbibliothek zu de Berlin, o Rijksmuseum, o Cabildo Metropolitano de Burgos ou Bodleian Library, entre outras.

Como actividade previa, a mostra contou cun concerto na catedral de Santiago no que, acompañados pola Escolanía da propia catedral e o Obradoiro de Música Tradicional Ultreia, os instrumentistas e cantantes da agrupación Resonet interpretaron diferentes pezas, entre elas por primeira vez despois de cinco séculos o canto Sante Jaco a Compostel, a que está considerada como a primeira chacona escrita da historia, que foi transcrita polo peregrino inglés Willian Wey no seu diario de peregrinación.