O Museo das Peregrinacións e de Santiago, Premio Internacional APECSA 2023

O Museo das Peregrinacións e de Santiago é o gañador do Premio Internacional APECSA 2023, convocado pola Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA). É a undécima edición, dedicada este ano, in memóriam, a Ramón Irago Silva (Melide, 1940 – Santiago de Compostela, 2023), mestre, pintor, promotor e defensor dos valores do Camiño de Santiago.
O xurado, presidido polo xornalista Luís Celeiro Álvarez, destacou e valorou moi positivamente as múltiples actividades do museo, convertido nun espazo de acollida e centro de difusión da cultura xacobea, con actividades continuas, e máis de cincuenta mil visitantes/usuarios presenciais no mesmo ano.
Segundo o xurado, do que tamén formaron parte os xornalistas Xosé Luís Muñoz Portabales e Carmen Prado Pico, do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Asociación de Periodistas de Santiago, respectivamente; Xabier Goyanes Vilar, da Asociación Pazos de Galicia, e Purificación Carballo, de APECSA, que actuou como secretaria, o museo, xestionado pola Dirección Xeral de Cultura e dirixido por Esperanza Gigirey Liste, é un contedor cultural de relevancia en relación coas artes plásticas, producindo e organizando exposicións temporais e contribuíndo, mediante o préstamo dos seus fondos, á proxección da cultura de Galicia e, moi particularmente, á cultura das peregrinacións e á cultura xacobea.
O premio consiste nunha escultura, Harmonía, de Luís Loureira. A entrega terá lugar no mes de outubro ou novembro deste ano.