Ir o contido principal

O Museo das Peregrinacións e de Santiago celebra o décimo aniversario da apertura da Sede expositiva na Praza das Praterías con obradoiros, música e danza durante a fin de semana

A Xunta celebrou esta fin de semana obradoiros, concertos e un espectáculo de danzas do mundo no Museo das Peregrinacións e de Santiago para conmemorar o décimo aniversario da apertura, na compostelá Praza das Praterías, da súa sede expositiva. Así o deu a coñecer o pasado 6 de novembro o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na presentación do programa conmemorativo, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

O representante do Goberno galego salientou o “relevante papel” que ten desenvolvido este espazo na Rede museística de Galicia “e no que contribuíu dispor deste amplo e carismático espazo”. Ao respecto, puxo en valor “a pegada e o selo propio” que supuxo contar co prestixio arquitecto Manuel Gallego Jorreto na remodelación do edificio para acondicionalo a este novo uso.

“Un museo dedicado ao crisol das culturas vencelladas á peregrinación merecía estar situado no corazón de Santiago e contar cunha sede como esta”, aseverou López Campos, quen incidiu no “importante pulo” que supuxo para a programación destas instalacións dispor deste edificio “nun enclave privilexiado”, subliñou.

Música, danza e obradoiros

Por estes motivos, considerou que esta década era un “aniversario a festexar e celebrar con toda a cidadanía” polo que, desde a Consellería de Cultura, se apostou por un “programa diverso e aberto a todos os públicos, para recoller a mesma esencia e cerna do museo”. Deste xeito, todas as actividades foron de balde.

A programación do sábado, día 8, comezou ás 10,30 horas coa artesá Cristina Molares, cun obradoiro de demostración de vidraría artística. Pola tarde, a quenda de concertos musicais nas propias salas do museo. A primeira das actuacións foi a de Álex Salgueiro, ao clavicordio; á que lle seguiu Eloi Pérez cun repertorio de melodías celtas interpretadas con gaita irlandesa, e que rematou Juan Collado, un dos fundadores do grupo Odaiko Percussión, cun concerto de vibráfono.

O domingo, día 9, arrancaron cun obradoiro de repostaría co que percorrer “os sabores do Camiño a través dos doces típicos dos lugares por onde transcorre” e remataron os festexos cun espectáculo de danzas do mundo, “culminando así cunha das demostracións que máis enriquecen o patrimonio inmaterial de calquera cultura”, celebrou o conselleiro.