3 de decembro do 2020 O Museo Arqueolóxico de Ourense presenta a "Peza do mes" de decembro

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Portada da publicación da
Portada da publicación da "Peza do mes" de decembro do Museo Arqueolóxico de Ourense. Participantes da campaña de estudo de Terras de Deza en xuño de 1934 © Museo do Pobo Galego

Como todos os meses, o museo escolle unha peza ou obra para darlle máis visibilidade e tratala de xeito singularizado a través dunha edición virtual na que unha persoa especialista ou investigadora dá a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza ou obra escollida.

Continuando coa conmemoración do centenario da publicación en Ourense da revista Nós, o 30 de outubro de 1920, o museo segue a lembrar a inesquecible pegada que para a nosa terra, lingua, sociedade e cultura supuxo o traballo desenvolvido polos integrantes da Xeración Nós; entre todos eles, tres ourensáns, Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas.

Nesta ocasión faise unha mención ás xeiras, unha das expresións máis xenuínas e orixinais da forma de traballar do Seminario de Estudos Galegos, entidade na que estaban integrados os membros da Xeración Nós.

A publicación virtual sobre esta obra está dispoñible en PDF nesta ligazón da web do museo, e nela pode afondarse no contexto histórico e o contido e forma de traballar das xeiras, a cargo, neste caso, do director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez González.