O Museo Arqueolóxico de Ourense presenta a "Peza do mes" de decembro

Como todos os meses, o museo escolle unha peza ou obra para darlle máis visibilidade e tratala de xeito singularizado a través dunha edición virtual na que unha persoa especialista ou investigadora dá a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza ou obra escollida.
Continuando coa conmemoración do centenario da publicación en Ourense da revista Nós, o 30 de outubro de 1920, o museo segue a lembrar a inesquecible pegada que para a nosa terra, lingua, sociedade e cultura supuxo o traballo desenvolvido polos integrantes da Xeración Nós; entre todos eles, tres ourensáns, Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas.
Nesta ocasión faise unha mención ás xeiras, unha das expresións máis xenuínas e orixinais da forma de traballar do Seminario de Estudos Galegos, entidade na que estaban integrados os membros da Xeración Nós.
A publicación virtual sobre esta obra está dispoñible en PDF nesta ligazón da web do museo, e nela pode afondarse no contexto histórico e o contido e forma de traballar das xeiras, a cargo, neste caso, do director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez González.