Ir o contido principal

O CGAC presenta a primeira restrospectiva do artista Víctor Grippo en España

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a exposición ‘transformación’, a primeira colección individual do artista bonaerense Víctor Grippo en España, que poderá visitarse en Santiago de Compostela ata o próximo 20 de outubro de 2013.

A mostra, que será inaugurada hoxe ás 20:00 horas polo responsable de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, conduce o visitante polos "aspectos centrais da obra de Grippo", segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación, na que estivo acompañado polo director do CGAC, Miguel von Hafe; pola comisaria da exposición, Alicia Chillida; e pola viúva e filla do artista, Nidia Olmos e Paulina Vera, respectivamente.

O secretario xeral de Cultura explicou na rolda de prensa que "Víctor Grippo desenvolveu unha obra moi suxestiva, hoxe amplamente recoñecida mesmo fóra do contexto artístico latinoamericano que, desde os anos setenta ata a súa morte xa iniciado este novo século, foi construíndose desde unha serie de principios que impregnan a súa práctica artística". "Esta idea de transformación que se nos propón na mostra que presentamos –dixo–, esta relación entre vida cotiá, ciencia e arte, é un dos eixes vertebradores da súa obra". De maneira que a exposición que acolle o CGAC "condúcenos por aspectos centrais da obra de Grippo e mergúllanos nesa reflexión sobre o que o cotián agocha nun segundo plano", afirmou.

Obradoiros de lecer arredor da mostra

Como actividades complementarias á exposición, o CGAC programará obradoiros de lecer de improvisación teatral, de creación vocal etc. co obxectivo de que os nenos e nenas se poidan achegar á enerxía que conteñen os alimentos, á relación entre arte e vida cotiá ou á idea de transformación presente nas pezas da exposición de Grippo.

Primeira individual en España de Grippo

En palabras da propia comisaria da exposición, Alicia Chillida, esta mostra constitúe "a primeira individual en España dun artista contemporáneo fundamental". Víctor Grippo (Junín, 1936 – Buenos Aires, 2002) é unha das figuras máis destacadas da arte arxentina da segunda metade do século XX, que conta cun recoñecemento internacional debido ás súas incorporacións á arte conceptual.

Químico de formación, este creador centra a súa obra en achegar a arte, a ciencia e a vida cotiá, rompendo as barreiras que existen a miúdo entre estes ámbitos. Así, a "transformación" que dá nome a esta colección retrospectiva do seu traballo é un dos eixos da súa produción, que se inspira no enigmático mundo da alquimia.

Vinculado ao porteño Centro de Arte y Comunicación (CAyC) e ao Grupo de los Trece –versión local bonaerense da arte conceptual–, Grippo achega unha arte ética xurdida no cargado clima político do Buenos Aires dos anos 70, reivindicando o valor do seu país e da súa propia cultura. O seu traballo, influenciado polas vangardas históricas, asóciase á arte povera ("arte pobre"), tomando materias primas cotiáns, como a pataca, para tentar sacralizar obxectos en aparencia intranscendentes.

A súa obra, que se poderá visitar no CGAC ata o 20 de outubro, atópase representada en innumerables coleccións públicas e privadas, como o Museo Nacional de Bellas Artes de Buenos Aires, o Inhotim Centro de Arte Comtemporânea de Belo Horizonte (Brazil), ou o Museum of Modern Art (MoMA) de Nova York.