Ir o contido principal

Máis recursos para escavacións no Castro de Viladonga

Vista aérea do castro

A Consellería de Cultura e Turismo publicou o 14 de outubro no portal de contratos de Galicia a adxudicación dunha nova campaña de escavacións e consolidación de estruturas no Castro de Viladonga, en Castro de Rei (Lugo), cun orzamento de 213.200 euros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que se actuará sobre unha superficie duns 830 metros cadrados no sector nordés da croa, que inclúe as estruturas localizadas durante a campaña do pasado ano. O prazo máximo de execución será de nove meses.

Levaranse a cabo traballos de investigación, documentación, escavación, consolidación e acondicionamento do xacemento, ampliando a área de intervención coa finalidade de favorecer o seu estudo, de garantir a súa conservación e protección, e conseguir a súa posta en valor e mellor comprensión e visibilidade por parte do público que visite este xacemento.

O proxecto recolle unha área de arredor de 170 metros cadrados de escavación arqueolóxica nova, e tamén se procederá á escavación ata a rocha nai do espazo interior do monumental alxibe que abastecía de auga ao poboado castrexo, atopado durante os traballos do pasado ano. A continuación consolidaranse todos os elementos, tanto o alxibe, estruturas circulares anexas e o empedrado que saíron á luz no 2018 como as que poidan aparecer nesta intervención.

Xunto a esta actuación principal tamén se levará a cabo a escavación e restauración dun tramo de 50 metros cadrados do lenzo interior da muralla que defende a croa do castro. Igualmente, realizarase a roza e limpeza de vexetación do xacemento arqueolóxico nunha superficie aproximada de 3 hectáreas, incluíndo croa, antecastros, murallas, parapetos e fosos. Así mesmo, quérese difundir entre a cidadanía os traballos que se van realizar mediante diferentes accións de divulgación.

O Castro de Viladonga está declarado Ben de Interese Cultural (BIC); datado na Idade de Ferro e época romana, é un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia e un dos máis coñecidos e visitados polo público en xeral.