Ir o contido principal

Inaugurada en Viladonga a mostra sobre o patrimonio cultural e natural da Vía Rexia

Con este acto iníciase o 50 aniversario das escavacións no castro.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou onte a exposición "Itinerario do Camiño Real do Norte. Do Castro de Viladonga a Lugo", a nova mostra coa que a Xunta de Galicia divulga o patrimonio cultural e natural do itinerario coñecido como Vía Rexia, coincidindo co 50 aniversario do inicio das escavacións no castro.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a exposición é posible grazas ao labor do Museo do Castro de Viladonga cunha escolma bibliográfica e investigación histórica, así como un intenso traballo de campo que permitiu poñer en valor un trazado histórico “cun valor cultural e natural innegable e amplamente documentado”, indicou.

A nova exposición aberta ao público combina paneis informativos con materiais audiovisuais que fan un percorrido literario con poemas de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Inclúe, entre outros asuntos, a rede de camiños rurais de Galicia desde a Prehistoria ata a actualidade, o papel da Vía Rexia, así como os vestixios do castro de Viladonga. Ludrio, Duancos, Mondriz ou os lagos de Teixeiro teñen tamén cabida na exposición, onde, ademais, se afonda nas orixes históricas da entrada a Lugo a través da ponte da Chanca.

Durante o acto, o secretario xeral de Cultura puxo de manifesto, ademais, a importancia deste 2021, ano no que se conmemoran 50 anos de escavacións no Castro, para o que a Xunta está a ultimar unha programación que permitirá coñecer en profundidade os traballos e investigación realizados durante este tempo.

A mostra pode visitarse ata novembro de luns a domingo, de 10.00 a 20.00 horas.