Ir o contido principal

A Fundación Camilo José Cela homenaxea a Picasso nunha exposición que repasa a amizade entre o escritor e o pintor

Un momento da visita á exposición

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou a exposición "Picasso vivo. O legado picassiano de Camilo José Cela", a nova mostra coa que a Xunta repasa a historia de amizade que viviron Cela e Picasso a través dunha colección de máis de 40 pezas entre documentos, textos, obras de arte e distintos utensilios que se agasallaron entre eles.

Trátase, en palabras do titular de Cultura da Xunta, dunha retrospectiva que achega “unha visión pouco habitual da gran creatividade dos dous autores e unha oportunidade de coñecer as intimidades que ambos compartían”. Son un total de 41 pezas que Picasso deseñou con Cela ou para Cela, entre documentos, edicións, pinturas, textos, obras de arte, fotografías ou distintos utensilios que se agasallaron entre eles, como unha botella de anís asinada polo pintor, que proceden dos fondos da Fundación.

En concreto, inclúense distintas obras autoría de Picasso coa colaboración de Camilo José Cela como Dibujos y escritos, algúns obxectos que se conservan da obra de Cela relacionada con Picasso, así como as primeiras probas e manuscritos de Gavilla de fábulas sin amor, que se acompañaron na edición impresa con 32 debuxos orixinais de Picasso, tres dos cales se conservan na pinacoteca da Fundación.

No acto de inauguración tamén estiveron presentes varios/as alumnos/as de 5º de primaria do colexio CEIP Plurilingüe de Portonovo, que participaron nunha visita guiada á Fundación.

Programación conmemorativa

A exposición, que poderá visitarse ata o 31 de maio, súmase ás iniciativas que pon en marcha a Xunta este ano para conmemorar o 50 aniversario da morte do pintor malegueño. De feito, a Fundación Camilo José Cela consta cun valioso legado de Picasso entre os seus fondos, dos que cede seis pezas para "Picasso. Branco no recordo azul", a gran exposición coa que a Xunta reivindicará no Museo de Belas Artes da Coruña a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración.

Trátase da única proposta galega que se enmarca na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023, impulsada polo Musée National Picasso de París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

Entre as pezas que cede en préstamo a Fundación para a mostra no Museo de Belas Artes da Coruña inclúense 3 cadros de Picasso, unha fotografía e exemplares de Trozo de piel, con texto do pintor malagueño e ilustracións de Camilo José Cela.