Ir o contido principal

A exposición "Bebedeira de ensoños" chega ao Museo do Pobo Galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron no Museo do Pobo Galego na inauguración da exposición conmemorativa das Letras Galegas 2022 "Bebedeira de ensoños", adicada a Florencio Delgado Gurriarán e producida pola Xunta xunto á Editorial Galaxia.

Durante o acto de presentación, Valentín García agradeceu o resultado “desta mostra antolóxica que reflicte a súa vida e obra dun xeito moi fidedigno, así como o seu percorrido literario xunto a textos e imaxes propias que ilustran dun xeito brillante a este ilustre galego”.

Neste encontro tamén tomaron a palabra Ricardo Gurriarán, comisario e representante da familia de Florencio Delgado Gurriarán; Xesús Domínguez, director de produción da Editorial Galaxia; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Con carácter informativo e didáctico, a mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do autor valdeorrés. Todos eles repasan a súa traxectoria vital e biográfica nunha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Delgado Gurriarán.

Obxectos persoais

A exposición compleméntase cunha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo como Otero Pedrayo e Castelao, borradores de poemas que logo remataron nos seus libros e publicacións orixinais que facilitarán un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria.

A mostra comezou a súa itinerancia en maio no Barco de Valdeorras, preto da aldea natal de Florencio (Córgomo, en Vilamartín), para logo pasar por Ourense e instalarse agora no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, ata o 30 de setembro.