Ir o contido principal

A expansión do viñedo na Galicia medieval a través dos documentos

Un momento da xornada

O Museo do Viño de Galicia analizou en Monterrei o pasado das plantacións vitícolas no territorio desta denominación de orixe.

A historia está chea de grandes oportunidades que ás veces chegan a cabalo das desgracias. Así se puxo de relevancia na primeira xornada Do Viño 2019, organizada polo Museo do Viño de Galicia e a Denominación de Orixe Monterrei sobre o viño en Monterrei na Idade Media, celebrada na tarde do sábado 26 no Claustro Mercedario de Verín.

Alí, de mans do profesor de Historia Medieval da USC José Miguel Andrade, quedou constatado como a devastación poboacional causada polas grandes epidemias de peste bubónica que asolaron Galicia rematou por favorecer enormemente a expansión do viñedo, ata entón superado por outros cultivos, como o das mazás de sidra. Estas explosións epidémicas causaron a morte de entre un cuarto e a metade da poboación en toda Europa.

Tras esta traxedia, como consta na numerosa documentación medieval examinada, procedente na súa maioría do Tombo do mosteiro de San Salvador de Celanova (un cartulario onde os monxes apartaban a documentación relevante), moitos territorios de cultivo quedaron ermos.

Os propietarios dos terreos, normalmente os grandes mosteiros como o de Celanova, no caso de Monterrei, comezaron a esixir nos novos contratos de aforamento a plantación de bacelos como condición para autorizar o uso da terra. A uva comezou así a superar e substituír á mazá, que si quedou como predominante no territorio asturiano.

No caso de Monterrei, o gran protagonista da historia da documentación sobre este territorio entre os anos 950 e 1450 é Rosendo Gutiérrez, abade de Celanova que pasaría á historia como San Rosendo e propietario e cedatario ao mosteiro de gran parte dos actuais terreos que ocupa a DO Monterrei.

Tamén tivo importancia o papel dun monarca, Alfonso X o Sabio, que confirmou a colonización e poboación da acrópole do actual Monterrei para contrapoñer, precisamente, o seu poder ao dos monxes de Celanova.

A primeira mención documental medieval ao viñedo en Monterrei provén dunha doazón á orde de San Rosendo dun matrimonio dunha viña nun lugar qui dicitur olimbriga, é dicir, a actual Oímbra. Outra mención especial é a da Carta Pobla de Verín, de 1183, onde ordenaba disposicións legais sobre o viñedo.

O ciclo Do Viño 2019 está organizado polo Museo do Viño de Galicia, en colaboración coas cinco DO de Galicia, e desenvolverase durante os próximos dous meses en cada unha delas.