Ir o contido principal

Conmemoración do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán

Retrato de Emilia Pardo Bazán

Co fin de conmemorar o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, o 12 de maio de 1921, o Museo Arqueolóxico de Ourense fai difusión da súa figura nas súas redes sociais.

A obra coa que se celebra é, así mesmo, froito doutra conmemoración, neste caso, do certame literario que se convocou polo segundo centenario do nacemento de Frei Benito Jerónimo Feijóo. Emilia Pardo Bazán preséntase a este certame co Estudio crítico de las obras de Feijóo en 1876, gañará o accésit e estará inmersa nunha interesante historia con outra das grandes autoras galegas, Concepción Arenal. Para saber máis, premer nesta ligazón do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Ao longo deste ano do centenario do pasamento de Pardo Bazán, outros museos farán un alto na súa figura. Así, por exemplo, o Museo Etnolóxico, en Ribadavia, ten prevista o 2 de xullo a conferencia "Emilia Pardo Bazán e O Ribeiro", que impartirá Xulia Santiso, directora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

Cara ao outono, o Museo de Belas Artes ten previsto inaugurar unha exposición arredor dela, mostrando e contextualizando todos os obxectos da escritora que pertencen á colección do museo.