Celebración do Día do Libro

O Día do Libro é unha conmemoración celebrada a nivel mundial co obxectivo de fomentar a lectura e render a homenaxe universal aos libros e autores/as cada 23 de abril. Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade uníronse como todos os anos a esta celebración, nesta ocasión a través das redes sociais.
Bookcrossing virtual conxunto coas bibliotecas de museos e centros de arte de toda España
Os museos participaron un ano máis na actividade de bookcrossing, a campaña conxunta de liberación de libros organizada desde fai quince anos pola Biblioteca e Centro de Documentación do Artium, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporánea de Vitoria-Gasteiz. Como ocorreu en 2020, por mor da pandemia non foi posible a liberación física, pero os museos adaptáronse a esas circunstancias, e o xeito virtual segue facéndoo posible. Os nosos museos achegaron catálogos das súas exposicións. O Museo das Peregrinacións e de Santiago con "Viae ad limina", o Museo Etnolóxico con “A olería en Galicia” e o Museo de Belas Artes con “Vestir épocas 1860-1960”.
Celebración nas redes
O Museo das Peregrinacións e de Santiago presentou en redes sociais un mosaico cos seus particulares libros, non todos de papel, e a sección “A biblioteca visítanos”, comezando un ciclo mensual no que se tratarán os temas do seu fondo especializado. Ao respecto, amosou dúas incorporacións recentes convidando a coñecelas na biblioteca tras cita previa: os facsímiles Tractatus de herbis e Apocalipsis de Val Dieu.
O Museo Arqueolóxico de Ourense celebraba os 50 anos da publicación do primeiro número do Boletín Auriense (unha das publicacións máis difundidas do museo). Para conmemorar tal efeméride, o Día do Libro liberou en liña o primeiro volume, do ano 1971. O Boletín Auriense, continuador do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense, é unha publicación do Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo e Arquivos provinciais de Ourense para difundir os traballos científicos realizados tanto polos seus membros como por outros investigadores. Conta ademais cunha serie de Anexos do Boletín Auriense, na que se recollen traballos monográficos de estudo da cultura galega, con especial referencia a Ourense. O vindeiro volume do Boletín Auriense que sairá este ano 2021 será o tomo número 50.
O Museo de Belas Artes da Coruña ofreceu as seguintes actividades e recursos en liña:
- A lectura en liña do catálogo da actual exposición temporal “Vestir épocas 1860-1960. A Colección Ana González-Moro”. O catálogo da exposición foi presentado en formato impreso o 26 de febreiro de 2021 e agora poderá consultarse tamén integramente en liña (en Issuu e en Calaméo).
- Unha exposición bibliográfica en liña de libros sobre moda. Mostra bibliográfica dunha selección dos títulos relacionados coa moda, o traxe e a indumentaria presentes no fondo da biblioteca do museo, realizada con motivo da exposición temporal “Vestir épocas, 1860-1960”.
- #Correspondencias. "Ficcións". O departamento de educación do museo, aproveitando a semana do Día do Libro, lanzou unha nova proposta do proxecto educativo #Correspondencias (da que hai varias convocatorias ao longo do ano). Nesta ocasión, en “Ficcións” propuxeron a creación dunha narración partindo dunha obra do museo. A proposta didáctica pódese descargar aquí. Os traballos poden enviarse antes do 21 de maio a través do correo electrónico mu.belas.artes.difusion@xunta.gal ou ben etiquetándoos en Instragram como @museo.belas.artes.coruna.