25 de setembro do 2020 Aprobado no Consello da Xunta o proxecto de lei de museos e centros museísticos de Galicia

Trátase dun paso máis cara á súa aprobación definitiva.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a Xunta dá un paso máis no calendario lexislativo coa aprobación no Consello do 24 de setembro de tres proxectos de lei: en materia de acción exterior, residuos e museos.

En canto ao proxecto de lei de museos e centros museísticos de Galicia, Feijóo valorou que se trata dunha “lei innovadora”, que busca crear “unha rede de museos do país” e “poñer en valor” os fondos e coleccións.

Esta norma nace para ordenar e coordinar as 93 institucións museísticas rexistradas na Comunidade, avanzando “na accesibilidade e no impulso de novas tecnoloxías”, segundo detallou o presidente da Xunta.

Con este novo texto legal, crearase por primeira vez o Sistema galego de centros museísticos, que, respectando a autonomía de cada centro, permitirá acceder a determinadas liñas de acción conxuntas. A maiores, ofrecerá a posibilidade de formar parte de redes de centros museísticos.