6 de marzo do 2020 Ampliación da exposición de Luís Seoane ata o 10 de maio grazas á súa grande aceptación entre o público

Museo de Belas Artes da Coruña

Ante a enorme afluencia de visitantes á exposición Luís Seoane no Museo de Belas Artes da Coruña. O legado de Maruxa Seoane, a mostra, que ía rematar esta semana, ampliarase ata o próximo 10 de maio.

O Museo de Belas Artes da Coruña posúe unha importante colección de obras pertencentes a Luís Seoane, un dos máis grandes artistas galegos representante das vangardas históricas do século XX e figura indiscutible do sentir cultural e político do exilio e a emigración galega en Bos Aires e América. As obras foron legadas ao Museo a través da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes por vontade da súa muller, Elvira Fernández (Maruxa Seoane), que dedicou o seu esforzo ao fomento, conservación, retorno e difusión en Galicia do legado do seu home. O devandito legado componse de 42 óleos, 252 gravados soltos e en carpetas, e 6 libros ilustrados.

Partindo das obras que integran a citada colección, onde se representa un amplo abano de temas, técnicas e estilos, o discurso expositivo pretende facer un achegamento á obra do pintor, desde principios dos 50 ata pouco antes do seu falecemento en 1979, ao longo de catro grandes bloques temáticos que ocuparon un importante lugar no seu universo iconográfico: a muller galega, a natureza e a paisaxe, a guerra e a denuncia social e os mitos, tradicións e lendas, temas todos eles que nos falan da existencia dun pasado cultural e unha iconografía propia. Ademais, a exposición incorpora unha sección introdutoria de carácter pedagóxico, onde se analizan, baixo unha formulación estritamente didáctica, as distintas facetas desenvoltas ao longo da súa obra (pintor, gravador, ilustrador, cartelista), así como os procedementos e as técnicas empregadas.

Coa axuda de obras orixinais, vídeos, textos e maquetas, nesta sección explícansenos as distintas técnicas de gravado empregadas (xilografía, serigrafía e litografía), a evolución estilística e formal das súas representacións ou a actividade despregada como deseñador gráfico.