Ir o contido principal

Actividades nos museos para a conmemoración do Día Internacional do Libro o 23 de abril

O Día do Libro é unha conmemoración celebrada a nivel mundial co obxectivo de fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual por medio do dereito de autor. Dende 1988 é unha celebración internacional promovida pola Unesco, e, dende 1995, decídese render a homenaxe universal aos libros e autores/as cada 23 de abril, alentando a todos/as, e en particular á mocidade, a descubrir o pracer da lectura.

Todos os anos os museos da Consellería de Cultura e Turismo únense á conmemoración desta data mediante actos, conferencias e, sobre todo, a través do coñecido como bookcrossing, xunto con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España, unha iniciativa que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros/as lectores/as, que despois farán o mesmo.

As especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia obviamente non permiten tales eventos, pero os nosos museos fan outras propostas a través das redes sociais para que o 23 de abril siga sendo o Día do Libro.

En conxunto, este ano proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.

Pola súa parte, tanto o Museo Arqueolóxico de Ourense como o Etnolóxico de Ribadavia convocan concursos nas redes. O Museo Etnolóxico invita á recompilación de saberes sobre o mes de abril e o Museo Arqueolóxico a enviar microrrelatos. Tanto un coma outro teñen ademais o incentivo dun premio final, que, como non, está relacionado con libros.

Tamén os museos van facer visible o seu patrimonio bibliográfico, algún de valor e interese incalculable, como os incunables que custodia o Museo Massó; o museo ofrecerá dende o seu blog a partir do día 23 de abril o contido dixital accesible do Liber chronicarum, impreso en 1493 en Núremberg. Poderán descargarse ou consultarse catálogos de exposicións, como o catálogo da exposición "Na procura do pasado" no Museo Arqueolóxico de Ourense, as publicacións dispoñibles das editadas polo Museo das Peregrinacións e de Santiago, o catálogo da exposición "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos 70" do Museo Etnolóxico, ou a presentación do número 2 do Boletín do Museo de Belas Artes da Coruña, monográfico dedicado ao museo coa colaboración de todo o persoal técnico. Ademais, dende o día 20 haberá unha exposición bibliográfica de revistas, recursos e libros sobre cultura popular galega, unha recompilación feita polo equipo técnico do Museo Etnolóxico, e o Museo do Castro de Viladonga fará a presentación da biblioteca nas RRSS para dar visibilidade da súa importancia para a documentación e a investigación, xa que as bibliotecas dos museos ocupan ás veces un lugar menos protagonista na actividade diaria dos museos.

Cada actividade poderase consultar nas contas de Facebook e nos blogs dos nosos museos.