Ir o contido principal

55 fotografías pertencentes ás coleccións do Museo das Peregrinacións e de Santiago son as pezas principais dunha exposición no castelo Läckö de Suecia

Imaxe da exposición no castelo Läckö

O 14 de xuño inaugurose en Suecia a exposición: STEG FÖR STEG – en utställning om vandring, frihet och pilgrimsfärd: Paso a paso - unha exposición sobre o camiño, a liberdade e a peregrinación. Trátase dunha colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Museo das Peregrinacións e de Santiago coa Fundación do Castelo Läckö (Stiftelsen Lacko Slott) no que será un dos acontecementos culturais máis destacados do ano por ser a exposición principal desta institución. O Castelo Läckö de Suecia é un dos centros turísticos e culturais máis importante do país e que máis visitantes recibe.

As pezas que compoñen na súa totalidade a exposición son 55 fotografías de diferentes camiños de peregrinación do mundo pertencentes ás coleccións do Museo das Peregrinacións e de Santiago: Camiño de Santiago; Peregrinación á Xerusalén negra en Lalibela, Etiopía; Peregrinación á cidade santa de Ajmer, India;  Peregrinación ao santuario de Qoyllur Ritì en Perú; Camiño de Kumano en Xapón e Peregrinación xitana en Francia a Saintes Maries de la Mer.  Os fotógrafos que están presentes na mostra son: Fernando Moleres, Nacho Castellano, Christoph Lingg, Luísa Rubines, Olga Seoane Paulus, Eduardo Almajano e Jacobo Remuñá así como fotografías de diferentes autores que ilustran o Camiño de Kumano doadas polo Departamento Gubernamental de Wakayama (Xapón),

Trátase do segundo ano consecutivo en que o Museo das Peregrinacións e de Santiago colabora co departamento de turismo da municipalidade de Skara-Suecia xa que, a mediados do mes de xuño do 2012,  viaxou unha das exposicións fotográficas deste museo, Camiñar, camiñamos..., fotografías de Adolfo Enriquez que ilustran o Camiño de Santiago e que estivo exposta durante todo o verán na sala de exposicións do concello de Skara.

Esta colaboración do Museo das Peregrinacións e de Santiago obedece ao recoñecemento do labor que ven facendo desde hai anos atrás esta institución museística na conservación e difusión do fenómeno da Peregrinación no mundo e en particular, da Peregrinación xacobea.