Ir o contido principal

50 anos de escavacións no Castro de Viladonga (1971-2021)

O Castro de Viladonga, declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 2009, destaca na paisaxe da Terra Chá lucense.

Para conmemorar estes 50 anos de escavacións, o Museo inaugurará ao longo deste ano unha exposición que amosará os traballos de escavación, consolidación e investigación realizados durante este tempo.

O interese polo Castro de Viladonga veu dado polos achados que se viñan producindo ao desenvolver os labores agrícolas e ao detectarse, a principios dos anos 70, a existencia de escavacións clandestinas. Estes feitos e a súa impoñente presenza na paisaxe do somonte nordés da Terra Chá levou ao inicio de escavacións arqueolóxicas no ano 1971 dirixidas por Manuel Chamoso Lamas e, posteriormente, no ano 74 por Felipe Senén López Gómez e no 75 por Felipe Arias Vilas.

Estes traballos, desenvolvidos en sucesivas campañas ao longo de toda esa década, deron como froito a descuberta dun gran número de estruturas habitacionais na croa do castro, así como a exhumación dunha abondosa e variada cultura material encadrada cronoloxicamente entre os séculos V a. C. e V d. C.

En paralelo, o Ministerio de Educación e Ciencia adquiriu parte dos terreos do castro, que posteriormente foron transferidos á Xunta de Galicia no ano 1995.

Os traballos arqueolóxicos, retomados a partir dos primeiros anos 80, baixo a dirección de Felipe Arias Vilas, ampliaron o coñecemento do xacemento coa apertura de novas áreas de escavación -que permitiron coñecer o sistema defensivo- e coa investigación pormenorizada dos materiais atopados. Ademais, dedicáronse moitos esforzos á limpeza e consolidación do xacemento.

A mediados dos anos 90 prodúcese un cambio administrativo que implica que, desde entón, as escavacións faranse mediante empresas de arqueoloxía privadas. Neste momento iníciase a escavación do antecastro oeste, onde se descubre un fondo camiño de acceso franqueado por diversas construcións de almacenamento.

Durante a primeira década dos anos 2000 desenvolvéronse sobre todo traballos de restauración e consolidación das estruturas moi danadas polo paso do tempo e escavouse a entrada leste do castro.

Desde o ano 2012, no que se inicia o proxecto Acondicionamento e consolidación arqueolóxica para a posta en valor do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), cofinanciado polos fondos europeos FEDER e a Xunta de Galicia, leváronse a cabo escavacións na zona leste da croa onde nunca se interviñera, atopándose, entre outras estruturas, un importante alxibe. Este proxecto supuxo tamén un cambio de criterio na restauración dos muros que mellora a le