Ir o contido principal

Museo Provincial de Pontevedra

O Museo de Pontevedra naceu o 30 de decembro de 1927, por iniciativa da Deputación Provincial. Abriu as súas portas ao público o 10 de agosto de 1929. Dende aquela foi ampliando considerablemente as súas coleccións e os edificios que as acollen ata chegar aos seis actuais. Cinco deles están situados dentro da antiga cidade medieval amurallada e o outro á súa beira.

Os edificios e os seus contidos son os seguintes:

Ruínas de San Domingos. Son os únicos vestixios (s. XIV-XV) chegados ata hoxe do complexo conventual dos Dominicos (igrexa e dependencias comunitarias). Xunto a eles, exhibe coleccións de laudas gremiais, baldaquinos, esculturas relixiosas, restos arquitectónicos doutras edificacións e un importante conxunto de labras heráldicas procedentes de diversos lugares da cidade e a provincia.

Edificio Sarmiento. Foi Colexio dos Xesuítas. Construído a principios do século XVIII, pertence ao Museo dende 1979. Rehabilitado en 2013. Alberga os fondos arqueolóxicos da Prehistoria e a Antigüidade, a arte galega medieval ata o século XIII, as coleccións de louza de Sargadelos, cerámica celta, azulexos e outros produtos cerámicos, así como a colección Sánchez Mesas-Fernández de Tejada de arte contemporánea e asiático-oriental.

Edificio Castro Monteagudo. É a sede fundacional do Museo, que abriu as súas portas no mes de agosto de 1929. Levantado na segunda metade do século XVIII, custodia pratería (civil e relixiosa) e pintura non galega (épocas gótica, renacentista e barroca).

Edificio García Flórez. Construído a finais do século XVIII, incorporouse ao museo en 1943. Nel reciben acomodo as coleccións de acibeche, iconografía de Santiago, gravado compostelán, escultura relixiosa, olaría popular, vidros de La Granja e artesanías do ferro, o liño e a la, así como unha cociña tradicional galega, salas navais, con espazos específicos dedicados ós mareantes, Méndez Núñez e a Fragata Numancia, e salas de música tradicional galega. 

Edificio Fernández López. Iniciado en 1964, é froito de ampliacións sucesivas, a última inaugurada en 2003. Alberga, xunto aos despachos da dirección, secretaría e persoal técnico, a sala de investigadores, a biblioteca e os arquivos documental e gráfico, constituíndo o núcleo do museo como centro de investigación.

Sexto Edificio. Obra de recente construción, inaugurada en 2013. Acolle as coleccións de pintura española dos séculos XIX e XX e de arte galega dende o século XIV ata a actualidade, reservándose un apartado destacado para a obra do médico, artista e político Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Conta cun auditorio para duascentas cincuenta persoas, talleres de restauración e montaxe, depósitos de fondos e sala de exposicións temporais.

https://museo.depo.gal/

Rúa da Pasantería, 2-12
36002 , Pontevedra

Tlf. 986804100
Fax 886201301

secretaria.museo@depo.es

Horario

Martes a sábados de 10 a 21 h.
Domingos e festivos de 11 a 14 h.
Pechado os luns e os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro


Tarifas

Entrada gratuíta