Ir o contido principal

Museo Mares de Cedeira

O Museo Mares de Cedeira é unha iniciativa cultural museística nacida da colaboración do Concello de Cedeira, a Confraría de Pescadores de Cedeira e a Asociación Mares de Cedeira para poñer en valor o traballo pasado e presente dos nosos homes e mulleres do mar, favorecer que se coñezan os seus medios de traballo e difundir a cultura mariñeira entre os cidadáns.

Amosa unha importante colección de maquetas de barcos que formaron parte da flota cedeiresa, así coma outros significativos nas diferentes artes. Así mesmo conserva tres embarcacións tradicionais que son parte importante do patrimonio pesqueiro galego.

Un antigo bote de remos, unha lancha motora nacida como bote de vela para a pesca nos anos 60, e unha dorna, embarcación tradicional galega recuperada polo Museo Mares de Cedeira.

A colección conta cun conxunto de artes de pesca, anzois, liñas, poteiras etc. así como artes de rede tradicionais hoxe desaparecidas. A atarraia, rapeta, bou ou cuchara.

Os visitantes poden contemplar diferentes tipos de farois, boias e fondeos, así como as poutadas, escandallo etc.

As doce fábricas de salgadura e conserva que tivo Cedeira están aquí representadas con maquetas e pezas moi significativas. Os motores e as artes das mariscadoras e percebeiros tamén se poden coñecer aquí.

A sala especial do museo presenta unhas coleccións únicas. Dende pezas dun buque que estivo presente no Desembarco de Normandía o 6 de xuño de 1944 ata unha completa colección de crustáceos mariños de Galicia e do mundo.

Destaca así mesmo unha colección de pezas atopadas no mar, entre as que podemos ver fósiles ou vértebras de cetáceos.

O deporte mariñeiro é un escaparate ao deporte do mar practicado en Cedeira dende sempre.

Mención especial merece a colección de malacoloxía “Manuel Suárez” composta dun catálogo fermosísimo e raro de bivalvos e gasterópodos presentes en Galicia, así coma outras especies de auga e mesmo terrestres galegas e do resto do mundo. Sen dúbida a xoia da coroa de Mares de Cedeira.

https://maresdecedeira.gal

Casa do Pescador, Camiño de Area Longa
15350, Cedeira

Tlf. 656 577 273
maresdecedeira@gmail.com

Horario

Inverno (de outubro a xuño): de 10:30 a 13:30 de martes a domingo
Verán (do 15 de xuño ao 15 de setembro): de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 de mércores a domingo