Este museo ten a súa orixe no Gabinete de Historia Natural, creado en 1840, con coleccións destinadas á docencia universitaria. Desde 1906, ano en que acadou a categoría de Museo, o seu patrimonio experimentou un incremento constante, tanto na cantidade como na calidade das coleccións. Tamén ás actividades docentes foron sumándose outras de investigación e de divulgación científica.
Na actualidade alberga importantes coleccións botánicas, zoolóxicas e xeolóxicas, algunhas delas elaboradas por profesores da universidade compostelá e por científicos e naturalistas galegos, e outras son resultado de doazóns, intercambios e adquisicións. Hai salientables coleccións, únicas en España, como a colección de modelos cristalográficos en madeira feita baixo a dirección de R. Haüy, ou a colección malacolóxica de Emilio Rolán.
O museo posúe actualmente unha valiosa tipoteca, con máis de mil exemplares tipo, principalmente de moluscos (a maioría pertencen á colección E. Rolán), pero que inclúe tamén series tipo doutros moitos grupos de invertebrados (esponxas, insectos…) que mantemos a disposición da comunidade científica.
Despois dun período de 50 anos instalado nun reducido espazo da facultade de Química, a súa reapertura en outubro de 2014 nun novo edificio no Parque de Vista Alegre supuxo o comezo dunha nova etapa de profundos cambios, tanto nas exposicións como nas actividades que nel se desenvolven.
As novas salas expositivas están deseñadas seguindo as tendencias máis recentes de mostrar o medio natural en escenarios realistas que reproducen diferentes tipos de ecosistemas.
Parque de Vista Alegre, s/n
15782 , Santiago de Compostela
Tlf. 881 816 350
visitas.museohistorianatural@usc.es
Horario
Inverno
De martes a sábado: 10.00-14.00 e 16.30-20.00
Domingos e festivos: 11.00-14.00
Luns pechado
Verán (do 23 de xuño ao 13 de setembro)
De martes a sábado: 11.00-14.00 e 16.30-20.30
Domingos e festivos: 11.00-14.00
Luns pechado
*Permanecerá pechado o 1, 6 de xaneiro; 1, 17 e 29 de maio; 25 de xullo; 15, 16 e 17 de agosto; 12 de outubro; 1 de novembro; 24, 25 e 31 de decembro do 2025. 
*Abrirá con horario reducido de 11 a 14 horas o resto dos días declarados festivos polo Estado, comunidade autónoma e os correspondentes a festividades locais
Tarifas
Entrada: 3,50 €
Entrada reducida: 2,50 / 1,50 €
Entrada en grupos organizados de estudantes sen guía: 1,50 € por persoa
Gratuíta: primeiro mércores de cada mes, 18 de maio, Día dos Museos, menores de 3 anos e socias/os da Asociación de Amigos do MHN