O museo ocupa as dependencias dun pequeno edificio de nova planta, obra do arquitecto Gallego Jorreto, integrándose no entorno próximo da Colexiata medieval de Santa María. Trátase dun museo monográfico, que acolle unha colección de obxectos de prata moi diversos destinados ao culto litúrxico da Colexiata, unha mostra de ourivería de diferentes escolas, épocas e países entre o século XVI e o século XX.
A exposición desenvólvese cun criterio cronolóxico e por escolas. Nun primeiro nivel móstranse pezas dos séculos XVI, XVII e algunhas de mediados do século XVIII, destacando a arqueta eucarística e o ostensorio doados pola raíña Mariana de Neoburgo, esposa de Carlos II.
Nun segundo nivel alberga pezas coruñesas e da pratería cordobesa, todas elas de finais do século XVIII e principios do XIX. No terceiro nivel expóñense as pezas con varas, de función procesional, e as pezas de metal do século XIX. E, por último, no cuarto nivel atópanse as pezas das Escolas Salmantina e Compostelá, destacando nesta as pezas feitas por Jacobo Pecul entre finais do século XVIII e principios do XIX.
Horario
De martes a venres de 09:00 a 14:00 h
Sábados de 10:00 a 13:00 h
Tarifas
Entrada gratuíta