Ir o contido principal

MEGA, Mundo Estrella Galicia

MEGA é un espazo expositivo con carácter experiencial e divulgativo que non só aborda contidos relativos á compañía e a súa historia, senón que achega aos visitantes ao mundo cervexeiro en xeral organizando eventos que relacionan a cervexa con diferentes disciplinas. Ofrece unha experiencia personalizada ao usuario que lle permite interactuar con diferentes elementos e obter información en base aos seus propios intereses.

O museo naceu coa intención de encapsular a antiga Sala de Cocemento que estivo en funcionamento desde o ano 1972 ata o 2012.

O percorrido expositivo distribúese en 3 plantas, cun total de 8 sectores. O percorrido realízase na mesma orde que o proceso de elaboración da cervexa: Orixes, Materias Primas, Elaboración, Envasado, Cervexas e Distribución, Publicidade e Patrocinio, Degustación e Tenda.

Accédese desde a rúa ao edificio de recepción; crúzase a través do paso elevado ata o adro, onde comeza o percorrido expositivo. Este sistema de pasarelas naceu co obxectivo de evitar que o visitante interfira na actividade propia da fábrica. Dalgunha forma, esta estrutura, convértese en imaxe icónica de MEGA, pois é moi pouco habitual e dálle unha silueta particular, propia e diferenciadora.

En xeral, trátase dun percorrido sinxelo e unidireccional, no que o visitante sobe de planta aos poucos, para logo baixar directos á planta baixa e á saída. Durante este circuíto, xógase co visitante: reducindo os espazos, modificando a temperatura, os sons ou, mesmo, os olores, para conseguir que a percepción sensorial varíe dunha zona a outra, para logo abrir os espazos (como a sala de caldeiras) de forma que sorprendan ao usuario, pola súa grandiosidade e estética. Ao final do percorrido conta cun espazo de degustación. Este é un lugar dedicado ao goce da cervexa nunha contorna que se integra na liña de deseño das cervexarías Estrella de Galicia. Esta contorna compleméntase con elementos didácticos relativos á cata e ao servizo, así como ao resumo e afianzamento dos conceptos traballados ao longo da experiencia  MEGA.

MEGA conta cunha app ao dispor do visitante. Nela, ademais dun plano que nos guía a través dos diferentes sectores, o visitante atopará a audioguía, con toda a información do percorrido.

Por último conta cunha tenda, espazo fundamental para os verdadeiros amantes da marca.

https://mundoestrellagalicia.es

Rúa Jose María Rivera Corral, 6
15008, A Coruña

Tlf. 981 93 1906
info@mundoestrellagalicia.es

Horario

Visitas guiadas de mércores a domingo, nas seguintes quendas: 11:00, 11:30, 12:00, 12:30, 13:00, 16:00, 16:30, 17:00, 17:30 e 18:00 h.
As visitas realízanse en grupos de 8 persoas.
Teñen unha duración dunha hora e cuarto, aos que habería que engadir o tempo tanto en degustación como en tenda.


Tarifas

Entrada xeral: 20 €