O centro de interpretación do patrimonio cultural do Muíño do Pan de Baamonde recupera un antigo muíño como elemento do patrimonio material de carácter etnográfico.
Este espazo, ademais, facilita a transmisión dun importante compoñente de patrimonio inmaterial galego que difunde os valores dun grupo humano e dos seus caracteres antropolóxicos, culturais e sociais: neste caso, o mundo arredor dos muíños, tradicións e contexto sociocultural de Baamonde, na época na que estaba en funcionamento.
A actividade dos muíños tivo unha importancia considerable na cultura galega, na arquitectura popular, no folclore e no desenvolvemento das relacións sociais e económicas.
Neste caso estamos diante dun muíño de presa, construído sobre a ribeira do río Parga, cun encoro que permite alterar o curso da auga, almacenando unha boa cantidade para aproveitar o seu uso como enerxía motora dos rodicios.
Está edificado cos materiais da zona, de cachotería e teito de lousa, propio da arquitectura tradicional de A Terra Chá. Presenta unha cuberta a tres augas, deixando o lado máis alto do muro cara ao norte, onde se instala un sobrado de madeira que servía como de vivenda do muiñeiro.
Orixinalmente contaba con tres moas que podían traballar ao mesmo tempo. Na actualidade só se conserva unha delas in situ. O resto de moas permanecen na contorna do muíño. As moas son do tipo “albeiro”, é dicir, para a fariña máis branca, a de trigo, con pedras calcarias, que permitían conseguir unha mellor calidade no produto final. Na rehabilitación recreáronse os diferentes elementos de madeira perdidos no abandono: a moega, a caixa e o rodicio para facilitar a comprensión do seu funcionamento.
O muíño está integrado nunha área recreativa á beira do río, de gran beleza paisaxística. Esta área permite a organización de actividades de lecer ao aire libre para persoas de todas as idades.
Camiño do río. Baamonde
27371, Begonte
Tlf. 616 542 447
info@cercud.org
Horario
Verán (15 de xuño - 15 de setembro): todos os días de 16:00 a 20:00 h
Fóra desa temporada ou dese horario, o Centro abrirá baixo demanda para grupos, previa cita.
O muíño tamén abrirá para determinados eventos e días especiais durante o ano.
A solicitude farase mediante o formulario que estará dispoñible na web cercud.org ou enviando un correo electrónico a info@cercud.org
Tarifas
Gratuíta