Ir o contido principal

Centro de interpretación dos muíños industriais de Xuvia (CIMIX)

Centro de interpretación dos muíños industriais de Xuvia (CIMIX)

O museo

O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, coñecido como CIMIX, sitúase na desembocadura do río que lle dá nome, na aldea de San Roque no Concello de Narón. Un emprazamento privilexiado no fondo da ría de Ferrol e xunto á Ponte do Río Grande de Xuvia, nunha zona verde de gran riqueza paisaxística.

O inmoble foi construído polo francés Juan Lestache en 1775 sobre o río Xuvia para dar cabida ás fábricas de fariña dentro dun antigo complexo fabril do século XVIII. É un edificio de gran interese histórico e etnográfico.

O complexo conta con catro maquinarias de moenda que constituíron unha factoría de produción a escala industrial: a Real Fábrica de Fariñas de Lestache. Como suxire o seu nome, obtivo a Licenza Real para desenvolver a súa actividade en todo o Reino. Isto evidencia a importancia da expansión da comarca ferrolá a mediados do século XVIII, derivada da afluencia de empresarios de orixe francesa e as visións comerciais e produtivas daquel período que estes impulsaron.

Os muíños hidráulicos foron claves en Galicia durante a Ilustración e de gran importancia para a subsistencia das comunidades e as economías locais.

Máis aló do carácter etnolóxico propio dos muíños, o CIMIX contextualiza este legado patrimonial, un muíño de cereal de roda horizontal e hidráulico que narra a historia ligada ao lugar e que forma parte dos procesos preindustriais de Galicia. Os muíños do río Xuvia, en canto ao sistema de produción empregado, as cantidades de almacenamento, o tecido comercial que xeraron e a relevancia socioeconómica que alcanzaron, pódense considerar como un dos complexos industriais máis importantes da península no seu momento. Os postulados do racionalismo ilustrado converten estes muíños nun exemplo do avance dos preceptos da Ilustración que transformaron toda unha comarca.

https://cimixnaron.gal/

Aldea de San Roque, 8
15570, Narón

Tlf. 624 596 226
info@cimixnaron.gal

Horario


Horario: Xoves de 10:00 h. a 14:00 h.

Venres, sábados e domingos 10:00 a 14:00 h e de 16:30 a 20:30 h.

Visitas guiadas (no horario de apertura): 10:30 h. / 17:00 h. / 19:30 h.


Tarifas


Entrada xeral individual: 3,30 €

Entrada reducida: 1,65 €. Para familias numerosas, maiores de 65 anos, titulares do carné xove, estudantes e persoas con diversidade funcional e/ou dependentes.

Gratuíta para menores de 6 anos