Do 9 de novembro ao 31 de decembro do 2017 Por fin Santiago! Alfredo
En colaboración co 2º Encontro Internacional de Cadernos de viaxe: Compostela Ilustrada, poderase visitar esta mostra que recolle unha selección dos debuxos que Alfredo González realizou da cidade de Santiago de Compostela no ano 2012 para unha exposición que o Museo produciu nese mesmo ano e que tivo lugar na antiga sede da Casa Gótica.
Camiño e cidade constitúen o groso do contido temático deste Museo das Peregrinacións e de Santiago pero son ao mesmo tempo unha fonte inesgotable de inspiración para a creación artística contemporánea.
Alfredo González debuxou o Camiño de Santiago coincidindo coa peregrinación que realizou en 1991, estes debuxos foron obxecto dunha exposición neste mesmo museo baixo o título: Alfredo debuxa o Camiño. Pero aínda quedaba algo pendente, por iso no ano 2012 Alfredo volveu a Compostela xa que era un compromiso que asumira co museo. Moveuse silandeiro pola cidade captando o máis monumental e o máis doméstico, o máis urbano e o máis rural. Debuxou por fin Santiago!