Ir o contido principal

Plástica castrexa

Cartel

A cultura castrexa, como manifestación autóctona do noroeste peninsular, no marco da Idade do Ferro europea, abrangue un período de case mil anos, desde os seus inicios ao final da Idade do Bronce, arredor do século VIII a. C., ata a plena implantación romana no século II d. C.

Os antecedentes da plástica castrexa, que ten o seu desenvolvemento entre mediados do século I a. C. e mediados do I d. C., teñen a súa orixe na fase media da cultura castrexa (século IV a. C.), cando se intensifican as relacións co mundo mediterráneo e se produce unha maior complexidade social. Os seus motivos decorativos, presentes tamén na ourivería, na metalurxia e na cerámica, terían un valor simbólico que se iría diluíndo co paso do tempo.

Baixo esta denominación inclúense unha diversa serie de mostras de variada funcionalidade e interpretación, como as estatuas de guerreiros e sedentes, cabezas cortadas ou os elementos construtivos dominados polas formas xeométricas, quizais todas policromadas en orixe, con múltiples combinacións que en conxunto constitúen unha expresión desta sociedade cun estilo homoxéneo e personalidade propia.

A escultura en pedra é unha das manifestacións artísticas máis xenuínas e suxestivas da cultura castrexa do noroeste. Esta arte aparece case exclusivamente na área meridional desta civilización, o actual sur de Galicia e o norte de Portugal. Gran parte da arte castrexa concibiuse para ennobrecer as construcións do poboado, preferentemente con motivos cordados ou entrelazados traballáronse xambas e lumieiras das portas dos inmobles, a zona máis senlleira e que estruturalmente debía ser máis consistente.

A exposición, organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, pode visitarse na sala Afundación, Praza Maior 4, Ourense.