Do 25 de setembro do 2020 ao 4 de abril do 2021 O viño nos Camiños de Santiago

Percorrido polas relacións no tempo entre as rutas xacobeas e o viño.

Museo do Viño de Galicia

O Museo do Viño de Galicia inaugura a súa primeira exposición temporal. De produción propia, consiste nun percorrido polas diferentes pegadas que a cultura do viño ten deixado na súa interacción co Camiño de Santiago.

Con esta exposición, o Museo do Viño de Galicia pretende difundir a relación de longa duración entre o viño e as rutas xacobeas. O obxectivo é difundir a presenza do viño no Camiño de Santiago ao longo do tempo, a través de referencias mobles, literarias, gastronómicas etc., así como nos diversos ámbitos, doméstico, monacal, social...

Para coñecer esta historia, as fotografías e textos da exposición acompañan á persoa visitante pola xestión das ordes monásticas e militares, os cabidos e os bispados, e o propio Códice Calixtino, que no seu Libro V contén abondosas referencias ao viño.

A exposición, comisariada por Francisco Singul Lorenzo, foi inaugurada o 25 de setembro polo secretario xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, e polo director do Museo do Viño de Galicia, César Llana Rodríguez. Permanecerá visitable na sala 5 do museo ata Semana Santa, e logo comezará unha itinerancia por distintos centros de Galicia.

Galería

  • Panel da mostra