O viño nos Camiños de Santiago Percorrido polas relacións no tempo entre as rutas xacobeas e o viño.

O Museo do Viño de Galicia inaugura a súa primeira exposición temporal. De produción propia, consiste nun percorrido polas diferentes pegadas que a cultura do viño ten deixado na súa interacción co Camiño de Santiago.
Con esta exposición, o Museo do Viño de Galicia pretende difundir a relación de longa duración entre o viño e as rutas xacobeas. O obxectivo é difundir a presenza do viño no Camiño de Santiago ao longo do tempo, a través de referencias mobles, literarias, gastronómicas etc., así como nos diversos ámbitos, doméstico, monacal, social...
Para coñecer esta historia, as fotografías e textos da exposición acompañan á persoa visitante pola xestión das ordes monásticas e militares, os cabidos e os bispados, e o propio Códice Calixtino, que no seu Libro V contén abondosas referencias ao viño.
A exposición, comisariada por Francisco Singul Lorenzo, foi inaugurada o 25 de setembro polo secretario xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, e polo director do Museo do Viño de Galicia, César Llana Rodríguez. Permanecerá visitable na sala 5 do museo ata Semana Santa, e logo comezará unha itinerancia por distintos centros de Galicia.