Ir o contido principal

O acibeche no mundo antigo. Unha aproximación dende o Castro de Viladonga Mostra e contextualización sobre o acibeche que se ten atopado no Castro de Viladonga

O acibeche no mundo antigo. Unha aproximación dende o Castro de Viladonga

Esta exposición é a materialización dunha das grandes responsabilidades dunha institución museística, xa que é froito dun traballo de investigación levado a cabo dende o Museo do Castro de Viladonga. O groso dos traballos arrancan no 2021, e dende os primeiros estudos bibliográficos e de catalogación quíxose poñer en valor a pequena, pero importante, colección de acibeches recuperados durante os máis de cincuenta anos de escavacións no Castro.

Froito destes tres anos de investigación foi tamén un rigoroso artigo publicado no ano 2022 na revista do museo Croa, por Álvaro Pérez Rozas, onde se expoñen as características principais dos fondos depositados neste museo, achegando paralelos e expoñendo as relacións existentes entre as variadas producións en acibeche realizadas en diversas partes do Imperio Romano. Aínda que gran parte das achegas publicadas neste artigo son aproveitadas, de forma moi resumida, para a elaboración desta exposición, a investigación non se detivo, e puidéronse incorporar tamén as primeiras análises que mostran a composición química do acibeche recuperado no castro, o que permitiu, a súa vez, confirmar a súa orixe.

O interese principal desta exposición baséase na achega que supón a posta en valor do traballo artesanal do acibeche na antigüidade. Aínda que os traballos en acibeche son de sobra valorados e recoñecidos en época medieval e moderna, as producións anteriores ao establecemento do culto xacobeo non soen ser froito de estudo. Esta mostra da a coñecer, non só os elaborados aneis ou doas do Castro de Viladonga, senón que tamén introdúcense outro tipo de producións desa época.

Outro punto de interese a destacar desta exposición é a presentación dos resultados obtidos coas imaxes e análises do microscopio electrónico de barrido. As imaxes permiten afirmar a procedencia astur do acibeche, e contribúe a reafirmar a idea da existencia dun taller no propio Castro de Viladonga.