Do 24 de novembro do 2020 ao 1 de febreiro do 2021 Galicia a terra dos mil panos. Roupa de levar á vila

Montaxe cunha escolma de pezas de vestimenta tradicional.

Museo Etnolóxico de Ribadavia

A mostra "Galicia a terra dos mil panos. Roupa de levar á vila" está elaborada con bens da colección da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, e propón unha atractiva achega ás pezas de vestimenta tradicional de Galicia.

Mediante unha coidada selección, do total de obras que compoñen a exposición orixinal, a mostra presenta elementos tan singulares como 7 mantóns antigos de paisley de espectacular colorido e deseño con máis de 150 anos de antigüidade e panos de cabeza, de bobiné de batista ou tule bordados a man.

Exhíbense tamén pezas como os panos de man de encaixe, panos de seda de mesquitas e os de raión, o traxe dunha leiteira de Lugo ou o dunha muller de loito. Algúns dos manequíns achéganse a outros espazos do museo, como a recreación dunha tenda-bar, de maneira que a exposición convértese nunha ollada que, entre fíos e teas, permite coñecer a cotiandade do noso pasado e a riqueza dos oficios tradicionais.

O obxectivo é achegar a diversidade de panos que foron usados co traxe tradicional nos séculos XIX e comezos do XX. Panos de pescozo, cabeza, man, mantóns… cada un elaborado con diferentes materias primas, adornos, estampados e técnicas. Uns eran usados case con exclusividade en comarcas de Galicia, como os de Muros, e outros eran comúns a varias comarcas españolas, como os de cenefa ou os de mil cores. Algúns foron usados en toda Europa, como os alfombrados, e, por último, houbo mantóns que chegaron a todos os recunchos do mundo como os de Manila, panos de seda bordados que chegaban da ruta do Galeón de Manila e da ruta das Indias. Tamén houbo panos masculinos, como os de faldriqueira e panos de namorar que lucían os homes pendurados das súas faixas e os de cabeza que levaban baixo a monteira do traxe de gala masculino. Auténticas xoias conservadas que falan de mans de mulleres que tecían, bordaban, tinguían e confeccionaban.

A mostra pódese visitar de martes a sábado, entre as 10:00 h e as 20:00 h.